Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabre ao tráfico a rúa do Pombal, en Santiago, despois de nove meses de obras

Reabre ao tráfico a rúa do Pombal, en Santiago, despois de nove meses de obras

A vía recupera a circulación en dobre sentido e incorpora un carril bici en sentido subida

A circulación de autobuses retomarase o vindeiro luns

 

G24.gal 14/04/2025 13:19

A rúa do Pombal, en Santiago de Compostela, reabre ao tráfico este luns 14 de abril tras estar pechada polas obras de mellora desde o seu inicio o 25 de xuño de 2024, mentres que as liñas de autobús retomarán a normalidade despois de Semana Santa.

Coa reapertura ao tráfico, a vía recupera a circulación en dobre sentido. A principal novidade en termos de mobilidade é o acondicionamento do carril bici en sentido subida, de forma que o tránsito peonil realizarase na beirarrúa esquerda, xunto ás vivendas e establecementos.

Segundo informa o Concello nun comunicado, os traballos acometidos eliminaron barreiras arquitectónicas e ampliouse a dimensión das beirarrúas próxima ás edificacións, adaptándoa á normativa vixente e creando un itinerario peonil, "moi utilizado, máis cómodo e seguro".

As obras incluíron, ademais, a construción dunha plataforma única, pero "co tráfico rodado segregado e ben delimitado", indica o consistorio. Isto, consideran, resultou en "unha rúa máis amable e favorable para camiñar a pé ou circular con cadeiras de bebés ou de rodas".

A rúa tamén conta agora con mobiliario urbano renovado, pequenas áreas axardinadas e zonas de descanso.

A concelleira Míriam Louzao deu conta en conferencia de prensa este luns de que estes traballos realizáronse "satisfactoriamente no prazo previsto", é dicir, oito meses -aos que se sumaron dous días-. Para iso investíronse máis de 760.000 euros.

Os autobuses regresarán o luns

As liñas afectadas polas obras do Pombal retomarán a normalidade o luns 21 de abril. Por tanto, as liñas 4, 8, 9, C2, C4, P1 e P7 recuperarán á volta de Semana Santa as paradas, frecuencias e itinerarios previos ao comezo dos traballos.

Segundo indicou a edil Míriam Louzao, isto débese a que "os autobuses necesitan tempo para reordenar as liñas de novo e actualizar a aplicación".

A concelleira indicou que poderían esperar para abrir a vía conxuntamente para a circulación de buses e turismos, pero creron que "o lóxico era que, se se podía abrir para os vehículos, abrila xa".

Traballos finais

Ademais, o Concello procederá a realizar un "pequeno" rebaixe na beirarrúa do tramo superior para que a rúa sexa "accesible totalmente", ante as demandas veciñais para o tránsito peonil con cadeiras de rodas ou carriños de bebé.

Antes, por "unha cuestión de pluviais", Louzao manifestou que é necesario acometer outra obra na parte próxima a San Clemente. "Unha vez que se faga esa obra é cando se pode acometer este pequeno rebaixe. Se se facía agora podería haber problemas coa baixada da choiva", engadiu a portavoz do Goberno local.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade