A chuvia obriga a suspender a procesión do Luns Santo en Ferrol
En Viveiro a tradicional tamborrada trasladouse ao claustro de San Francisco

A Confraría de Dolores decidiu suspender este luns a procesión de Cristo Rei e da Virxe da Amargura debido á previsión de chuvia durante a noite.
Trátase da única procesión prevista para o Luns Santo en Ferrol e da primeira en verse afectada polas condicións meteorolóxicas na Semana Santa deste ano, declarada de Interese Turístico Internacional.
A comitiva ía saír ás nove da noite da igrexa de Dolores, na praza de Amboaxe, no centro da cidade. Como alternativa, a confraría celebrará un acto litúrxico para os seus membros no interior do templo.
Martes Santo con dúas procesións previstas e previsións de chuvia
As confrarías permanecen atentas á evolución do tempo para este martes, no que hai programadas dúas procesións. A primeira é a do Cristo da Boa Morte, organizada pola Confraría da Soidade e con saída prevista ás sete e media da tarde desde a capela da Orde Terceira.
A segunda, ás nove da noite, será a de Xesús Atado á Columna e da Santísima Virxe da Esperanza, promovida tamén pola Confraría de Dolores e con saída dende a praza de Amboaxe.
Ferrol e a súa comarca afrontan estes días o seu primeiro gran período turístico do ano. Os establecementos hostaleiros e os aloxamentos prevén rozar o completo, favorecidos pola proxección da Semana Santa como atractivo cultural e relixioso.

En Viveiro a tamborrada celebrouse a cuberto
Tamén en Viveiro tiveron que suspender o tradicional desfile polas rúas da tamborrada a causa da chuvia.
A solución alternativa foi facer a tamborrada no claustro de San Francisco.
Por alí desfilaron cos seus bombos máis de 300 músicos de sete confrarías.