Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 3.000 persoas sairán nas 25 procesións programadas na Semana Santa de Ferrol

Máis de 3.000 persoas sairán nas 25 procesións programadas na Semana Santa de Ferrol

A hostalería prevé o cen por cento de ocupación na ponte festiva

Preparativos na Confraría das Dores
G24.gal 14/04/2025 14:52

Luns Santo, toca mañá de preparativos intensos na Confraría das Dores. Volven á casa despois de sete anos, coa igrexa rehabilitada e convertida nun atractivo máis desta Semana Santa en Ferrol. O venres saíron en procesión para trasladar as imaxes á igrexa, e agora prepáranas para sacalas de novo, se o tempo o permite. 

"Non imos ser agoreiros, imos ter bo tempo e poderemos saír en procesión, estou convencido", di o presidente da Confraría, José Ángel Vázquez. Di que van planificando "día a día" para tomar a decisión de saír ou non. "Loxicamente, non imos arriscar as imaxes se dan chuvia", explica.

Son os únicos que saen en Luns Santo, cos pasos do Cristo Rei e a Virxe da Amargura. Patricia Serantes, florista, ultima a decoración dos tronos: vai picando, talo a talo, cousa de 6.000 flores en cada un. "Son moitas horas de traballo, sobre todo na planificación -explica-. Non é só a execución, pinchar a flor no paso, senón que hai que facer un deseño, para innovar e que saia diferente á do ano pasado".

Porque a Semana Santa en Ferrol prepárase case dende que remata a anterior. "Primeiro hai un traballo enorme que non se ve, e despois todo ese esforzo é o que poñemos na rúa e iso si que se ve" explica o presidente da Xunta de Confrarías, César Carreño. "Para Ferrol é un revulsivo que nunha semana haxa tantas actividades, tanta xente visitando a cidade", engade. 

As cinco confrarías poñerán na rúa 25 procesións e máis de 3.000 persoas nesta Semana Santa. É un evento de interese turístico internacional, cun importante impacto económico na zona. "Os días máis fortes, de xoves a domingo, a previsión é do 100% de ocupación", di María Saavedra, da asociación de Hostalería. 

A Semana Santa ferrolá ten máis de 4 séculos de tradición, e vaise renovando. "Este ano incorporamos tres imaxes, que implica que a Semana Santa está viva". explica César Carreño. "Temos imaxes do século XVII, XVIII, XIX, XX e agora do XXI", engade.

E di que queren facela "máis inclusiva": todos os actos da Xunta de Confrarías teñen lingua de signos, e este ano a Confraría da Mercé estrea un treito silencioso para que as persoas con diversidades cognitivas poidan desfrutar da procesión o Mércores Santo.

Será o día que arranque o groso do programa, que se estenderá -se o tempo acompaña- ata o Domingo de Resurrección.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade