Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consellos para conducir baixo a chuvia nestes días de moitos desprazamentos

Consellos para conducir baixo a chuvia nestes días de moitos desprazamentos

Agárdanse dous millóns de desprazamentos por estrada en Galicia, e o tempo non vai acompañar

Menos velocidade, máis distancia e rodas en perfecto estado, poden salvar vidas

G24.gal 14/04/2025 14:25

Asfalto esvaradío, pouca visibilidade, máis tráfico. Agárdanos unha Semana Santa pasada por auga, e para previr riscos é fundamental baixar velocidade e aumentar a distancia de seguridade.

"Coa chuvia a distancia de frenado pode ser ata o dobre, entón hai que aumentar a distancia de seguridade, sobre todo se hai moita chuvia porque podemos facer aquaplannig co coche", explica Cristina Sinde, profesora da Autoescola SDS.

Pero de pouco serve ser prudentes baixo a chuvia se levamos as rodas lisas. Antes de saír de viaxe hai que revisar a presión e, sobre todo, a profundidade do debuxo.

"É fundamental porque é o que nos agarra á estrada, é básico porque evitamos accidentes e saídas de vía. Por exemplo este pneumático que está novo ten uns 8 ou 9 milímetros de profundidade no debuxo e éste é o avisador, que está fixado en 1,6 milímetros, o mínimo legal para circular ", explica Miguel Ángel Puente, mecánico de Mytaller.

Para ver e ser vistos baixo a chuvia cómpre ter as luces de cruzamento acesas e en perfecto estado. Outra cuestión fundamental son os limpaparabrisas.

"As gomas de limpar teñen un caucho que se deforma e cuartea, fai raias que nos restan visibilidade. Hai que telas en bo estado, igual que o líquido que levan, que ten que ter unha porcentaxe de alcohol que fai que as pingas esvaren", engade o mecánico.

Co coche a punto e un extra de prudencia podemos aminorar riscos baixo a chuvia que, segundo a previsión, nos vai acompañar nestes días de festa e desprazamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade