Aumentan case un 5 % os préstamos ao consumo nun ano
Refinanciar débedas ou pagar as vacacións, entre as razóns que máis nos levan a endebedarnos
Os expertos recomendan ser prudentes e ler detidamente as condicións antes de recorrer a este tipo de financiamento
Nun contexto de incerteza na economía aumenta a demanda de crédito. Case dous de cada cinco españois teñen previsto pedir un préstamo ao consumo este ano.
"Con todo o que se ve nas redes sociais, o consumo está á orde do día. A xente recorre ao endebedamento para mercar o que non alcanza co seu salario", asegura un consumidor.
Razóns como ir de viaxe ou pagar as vacacións están entre os motivos que levan máis consumidores a pedir cartos. Resolver problemas económicos, como pagar débedas ou obter liquidez, é outro dos motivos da demanda de crédito.
A Asociación de Usuarios Financeiros calcula que este tipo de préstamos está aumentando case un 5 % respecto a 2024.
"Atención sobre o risco que ten porque este tipo de financiamento a curto implica elevados tipos de xuro e unha espiral de endebedamento da que non é doado saír", di a profesora de Economía Aplicada da UDC, María Cadaval.
Desde as asociacións de consumidores recomendan prudencia.
"Antes de recorrer a estes micropréstamos que vexa detidamente as condicións", pide Itziar Fernández, desde a OCU.
E adaptarse á capacidade económica de cadaquén antes de recorrer a un endebedamento que pode custarnos caro.