Centos de portugueses cruzan a raia para botar combustible en Galicia por Semana Santa
Os carburantes custan uns trinta céntimos máis por litro nas estacións de servizo lusas
Hai condutores que veñen a Galicia a diario e outros que fan máis de vinte quilómetros para coller gasolina
A Semana Santa volve encher de vehículos portugueses as gasolineiras da raia con Galicia. En Portugal custa moito máis encher o depósito, así que os españois procuran cargar antes de cruzar a fronteira e os portugueses escapan das súas gasolineiras e veñen ata as galegas para aforrar.
Así, en Tui por Semana Santa teñen procesión de coches. No polígono empresarial hai tres estacións de servizo, dúas delas instaladas nos últimos anos. E a imaxe é semellante nas outras gasolineiras da vila, onde a maioría das matrículas son de Portugal.
"Veño sempre porque estou preto, a vinte ou vinte cinco quilómetros", explica un cliente luso nunha das estacións do polígono de Areas, "e só teño que atravesar o río para coller aquí o combustible".
"Case todas as semanas veño aquí, é moito máis barato", relata unha condutora portuguesa antes de que outra engada: "Moito, moito. E nós andamos sempre cos coches e do lado de alá non dá".
Hai clientes que veñen a diario e tamén son moitos os condutores españois que deciden parar para botar combustible nas últimas estacións de Galicia antes de entrar en Portugal.
"Temos bombeiros, veñen aquí todos os bombeiros de Valença, e tamén veñen ambulancias e empresarios", asegura Rosa Bompastor, encargada da gasolineira SBC de Tui.
"Nós vimos desde Negreira", apunta un condutor galego, "porque imos a Portugal e aproveitamos para encher antes de ter que recargar alá".
No último ano en Galicia baixou o prezo da gasolina e subiu o do gasóleo. En Portugal, os combustibles máis caros superan os dous euros.