Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os bombeiros de Santiago, entre os dez máis rápidos de Europa na proba Quebra Costas

Os bombeiros de Santiago, entre os dez máis rápidos de Europa na proba Quebra Costas

A competición reuniu en Coímbra 700 bombeiros que correron co equipo ao lombo

O desafío puxo de manifesto a boa forma dos catro efectivos de Santiago, que se presentaban por primeira vez

G24.gal 26/03/2025 13:40

700 bombeiros europeos puxéronse a proba no desafío Quebra Costas de Coímbra. Unha proba de velocidade durante medio quilómetro de ascenso, cun desnivel do 14 %, 150 chanzos e 22 quilos de equipo ao lombo.

"Hai que correr con todo o traxe, casco, verdugo, luvas e o equipo autónomo de osíxeno", explica Miguel Ángel Arca, xefe de dotación dos Bombeiros de Santiago.

Catro bombeiros do parque de Santiago asumiron o reto de competir por primeira vez. Foi duro, pero deixaron o pavillón ben alto.

"Foi unha carreira moi dura, saímos por idades con intervalos de 15 segundos. Eu saín dos primeiros, case nin me deu tempo a poñerme nervioso. Quedamos moi ben, de décimos de setenta e cinco equipos que competían. Un posto moi bo, e era a primeira vez que iamos", engade o bombeiro.

Entre os dez máis rápidos na categoría de equipos e o segundo posto individual para ese veterano, que con 60 anos amosou estar en plena forma.

"O noso traballo implica subir e baixar pisos, con peso, rescatar persoas, situacións complexas e con moito desgaste. Hai que estar preparados, claro", comenta Miguel Ángel Arca.

Ben adestrados para que un traballo tan esixente non se lles faga costa arriba. Mesmo cando o risco é real, o rival é o lume e a meta salvar vidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade