Luján Borrás, nai dun rapaz con autismo severo, pide axuda na súa campaña #Disialautismo
O 2 de abril celébrase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, xornada establecida pola Asamblea Xeneral das Nacións Unidas o18 de decembro de 2007
Luján Borrás, a nai de Asier, un neno con autismo severo, busca un cambio de mentalidade con protocolos de atención obrigatorios por parte dos servizos públicos
O vindeiro mércores, o 2 de abril, celébrase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. A viguesa Luján Borrás, nai dun rapaz con autismo severo de case dezaseis anos, é a impulsora da exitosa campaña de Change.org #Disialautismo. Esta nai persegue que os autistas gocen dos dereitos humanos, que, segundo a súa experiencia, se lles están ripando.
Famosos e familias de autistas en toda España están usando a súa plataforma #Disialautismo para falar das súas necesidades reais conforme ao seu coñecemento do problema e do seu sentimento. O fillo de Luján ten case dezaseis anos e ten autismo severo. Dende hai un ano esta nai recolle sinaturas en change.org.
En #Disialautismo, Jose, o pai de dous rapaces con autismo, desde Vilagarcía de Arousa deixou unha fermosa imaxe na plataforma creada por Luján. Di que unha persoa con autismo, igual que o resto da xente, o único que quere é ir a un colexio onde o ensinen a crecer, a ter unha familia e uns amigos que o queiran e que o apoien e a poder escoller e desenvolver o seu propio proxecto de vida Luján pide sinaturas porque sabe que as persoas con autismo merecen o seu lugar no mundo e hoxe esixe os dereitos humanos que se lles arrebatan.
"Non queremos dar pena. Porque como dicía Jose, non temos necesidades especiais. Ás familias pedímoslles que deixen de agocharse. Que as familias estamos aquí. Que teñen que estar orgullosas. Que as familias non estamos mortas, que os repaces de trinta anos non están mortos, que lles queda moita vida. Que digan o que queren. Que nos escriban. O autismo, e isto vouno dicir moi alto, non é ningunha broma. E outra cousa que vou dicir moi alto, moi alto, é que non sabemos nada do autismo. A xente con autismo con profesionais avanza, e dígoo por experiencia propia", conta emocioanda Luján Borrás, a nai de Asier, un neno con autismo severo, creadora da campaña de Change.or #Disialautismo.