O 15 % dos españois que van de vacacións piden créditos
O 15 % dos españois que van de vacacións piden créditos
Segundo un estudo de COFIDIS, cada vez máis españois piden préstamos para viaxar
Os expertos aconsellan comparar ofertas e calcular os xuros
Transporte, aloxamentos, comida..., pasar uns días de descanso fóra de casa supón un desembolso importante que non todos os petos poden pagar. Pero, estarían dispostos a pedir un crédito para marchar de vacacións?
"Eu non, é un luxo e se non podes pagalo terás que aforrar, pero eu non pido préstamos para pasalo ben".
"Si que o pediría, hai que vivir a vida e gozar, igual que se pide un crédito para un coche, podería pedilo para vacacións".
"A vida está cara, é a maneira de saír de vacacións".
"A min non me compensa, estar de vacacións e ter medo despois de non poder pagalas ao regreso", din algúns enquisados na rúa.
Segundo un estudo de COFIDIS, o 80 % dos españois non renuncia a saír de vacacións e deles o 15 % pide un préstamo para pagalas.
"A min iríame mal ter ese gasto mensual á volta".
"Se podes financialas en prazos, xa está, paréceme perfecto".
"Eu non o faría, os xuros son moi altos", comentan algúns turistas.
Moitos prefiren aforrar durante todo o ano, probar sorte coa lotaría ou buscar plans alternativos preto da casa.
"Eu iría ao río ou ás pozas naturais da miña zona, hai plans gratuítos que son boas alternativas".
"As illas Cíes, Lugo, aquí hai moita cultura como para saír se non podes pagar a viaxe", engaden os enquisados.
E para os que opten polo crédito, o consello é comparar ofertas e calcular os xuros, para poder devolvelo sen pasar agonías nin comprometer as finanzas persoais.