Publicador de contidos

Publicador de contidos

O proxecto de Ence nas Pontes tamén queda fóra do PERTE de descarbonización

O proxecto de Ence nas Pontes tamén queda fóra do PERTE de descarbonización

Ence destacaba que a factoría, de produción de fibra branqueada recuperada e biomateriais, estaba completamente aliñada cos obxectivos da UE vinculados á economía circular e a descarbonización

A empresa reitera o seu compromiso coas Pontes e continuará o seu proxecto

A Xunta declarara esta iniciativa como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE)

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 23/04/2025 13:55 Última actualización 23/04/2025 16:15

O proxecto de Ence para poñer en marcha unha bioplanta para a produción de fibra branqueada recuperada e biomateriais nas Pontes tampouco recibirá fondos da liña 4 do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización.

Deste xeito, tras confirmarse que a lusa Altri queda fóra do Perte de descarbonización para a posta en marcha dunha macrofactoría de celulosa en Palas de Rei, tamén se coñeceu este mércores que o proxecto de Ence para a localidade coruñesa, declarado Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) pola Xunta de Galicia, tampouco recibirá estes fondos.

Na petición de 10 millóns de fondos europeos, Ence insistía en que o proxecto para As Pontes estaba completamente aliñado cos obxectivos da Unión Europea vinculados á economía circular e a descarbonización, xa que se asentaría en chan que xa é industrial e que antes ocupaba a central térmica.

Para a conselleira de Economía da Xunta, María Jesús Lorenzana, coa exclusión tanto de Altri como de Ence confírmase "unha nova discriminación do Goberno central á comunidade"

Planta piloto de reciclase téxtil

Ence presentara o seu proxecto para As Pontes como unha planta piloto de reciclaxe téxtil. Nun comunicado a empresa resaltaba que "a instalación non empregará madeira, senón fibras recuperadas", e que se "autoabastecerá de enerxía renovable", cun "consumo mínimo de auga".

No comunicado no que daba conta dun memorando de entendemento para o desenvolvemento da factoría coa firma sueca ShareTex, insistían en que se situaría "no chan industrial que ocupa a central térmica" de Endesa, polo que indicou que non "afectará espazos nin hábitats naturais".

Sobre o plan de recuperación de fibras téxtiles, Ence puntualizaba que se recorrería a unha "nova tecnoloxía xa probada a escala de laboratorio que ofrece claras vantaxes respecto a outras de reciclaxe química actualmente en desenvolvemento".

"Esta nova tecnoloxía non precisa de condicións drásticas de presión nin de temperatura nin tampouco emprega disolventes tóxicos", explicaba, para incidir en que se utilizarían "residuos posconsumo recollidos na rexión".

Ence reitera o seu compromiso coas Pontes e continuará o proxecto

Ence reiterou que "está comprometida" coas Pontes e asegura que continuará co seu proxecto industrial nesta localidade, segundo informan a Europa Press fontes da compañía despois de coñecer que non é un dos cinco proxectos aprobados ao amparo do PERTE de descarbonización industrial.

A súa previsión é levar a cabo un investimento de ata 355 millóns na realización de tres fases que contempla o seu proxecto "global", para o que estima a xeración de "preto de 1.250 postos de traballo".

As fases, segundo Ence, son as seguintes: a primeira a posta en marcha dunha planta de fibra recuperada na que se inclúe a planta piloto de recuperación de fibras téxtiles; a segunda unha planta de coxeración de 150 megawatts (MW) de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia eléctrica e a terceira, unha planta de tisú.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade