Menos dun terzo dos usuarios do tren en Galicia está satisfeito co servizo
Para unha ampla maioría os horarios e as frecuencias non se adaptan ás súas necesidades
O Alvia Madrid-Vigo volveu chegar con dúas horas de atraso a Galicia por unha avaría
Nova mañá complicada para os que viñan en tren desde Madrid ata Galicia. O Alvia que partía de Chamartín avariouse ao pouco de sair e tivo que regresar á estación. Os pasaxeiros víronse obrigados a cambiar de convoi e chegaron con case dúas horas de atraso. Xa onte á noite houbera demoras de dúas horas tanto na ida como na volta na coñexión coa capital.
Son novas incidencias que reforzan as queixas dos usuarios: menos dun terzo dos viaxeiros en Galicia está satisfeito co servizo. Son datos dunha enquisa realizada por dúas plataformas de usuarios, Media Distancia Galicia e Perder o tren, entre catrocentos viaxeiros habituais. Algo menos dun terzo di que os horarios e as frecuencias se adaptan ben ás súas necesidades diarias; outro terzo, algo maior, di que son regulares; e un terzo, que se adaptan pouco ou case nada ás súas obrigas cotiás. As plataformas din que estas respostas reforzan unha das súas reclamacións fundamentais dos últimos anos: que haxa máis trens, máis frecuencias e novos horarios, sobre todo, a primeira hora da mañá.
"Eu creo que é un bo servizo, ás veces falla un pouco a puntualidade. É normal que o tren saia un cuarto de hora máis tarde", di unha viaxeira que agarda para viaxar á Coruña dende Vigo.
"Os horarios parécenme ben. As frecuencias, que fosen máis continuas, que non sexan tan dispares", opina outra muller que agarda o tren.
"Hai poucos trens, os que hai están case todos cheos, ás veces chegan tarde...", sinala unha moza no vestíbulo da estación.
A escaseza de trens nalgúns momentos do día é un dos efectos máis evidentes da falta de frecuencias ferroviarias. Ás once menos cuarto da mañá, a estación de Urzáiz ferve de actividade con xente que chega nun tren e os que baixan á plataforma para subir a outro. Logo chega unha pausa de dúas horas sen chegadas nin saídas e a estación queda practicamente en silencio.