Suspendidos todos os servizos de tren en Galicia ata novo aviso; a Xunta reforza os de bus

Renfe anunciou este martes a suspensión de todos os servizos de tren en Galicia por mor do apagamento xeneralizado e pediu que non se acuda ás estacións ata novo aviso. En X, a operadora indica que quen o desexe poden pedir o reintegro ou o cambio sen custo por todas as canles.
Se suspenden todos los servicios de tren en Galicia. Se ruega a quienes decidan viajar que no acudan a las estaciones hasta nuevo aviso. Daremos la información con antelación suficiente . Quienes lo deseen pueden pedir el reintegro o el cambio sin coste por todos los canales.
— InfoRenfe (@Inforenfe) April 29, 2025
O trazado ferroviario do eixo atlántico, que discorre entre Ferrol e Vigo, e o de Galicia con Madrid permanecen este martes inoperativos en espera do restablecemento completo da electricidade, informaron fontes de Adif, a firma pública xestora de infraestruturas de ferrocarril.
Tras o corte de subministración eléctrica rexistrada o luns no conxunto da Península Ibérica e cuxas causas aínda se investigan, fontes de Adif indicaron que esperan un restablecemento da electricidade "óptima" para renovar os servizos de transporte ferroviario. Detallaron que a electricidade non só é necesaria para a enerxía motriz dos trens, senón tamén para o encamiñamento de vías, sinalizacións e sistemas de seguridade.
E engadiron que a pesar de que a electricidade foi restablecida na práctica totalidade do territorio nas últimas horas, os servizos ferroviarios nalgúns puntos aínda non dispoñen da enerxía suficiente e entre as zonas máis afectadas figuran a do noroeste da península.
Tamén indicaron que como consecuencia do apagamento eléctrico uns 250 pasaxeiros de trens da liña Galicia-Madrid tiveron que pasar a noite na estación de Zamora e outros 40 foron aloxados de maneira improvisada nun recinto feiral desa cidade, para esta mañá ser trasladados aos seus destinos.
A Xunta reforza o servizo de autobús mentres continúe suspendido o transporte ferroviario en Galicia
A Xunta de Galicia informou de que reforza o servizo de autobús mentres continúe suspendido o transporte ferroviario en Galicia. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes decidiu reforzar o servizo de autobús para atender a todos eses pasaxeiros afectados. Ademais, nos horarios habituais de cada liña haberá máis prazas dispoñibles.
Os reforzos principais concéntranse no eixo atlántico A Coruña-Santiago-Vigo; corredor A Coruña-Santiago Ourense; corredor A Coruña-Ferrol; corredor A Coruña-Lugo.
Renfe roga a quen tiña previsto viaxar, que non acudan ás estacións ata novo aviso, debido a que ofrecerán información "con antelación suficiente".
Normalidade nos aeroportos
No que respecta ao transporte aéreo, Aena informou de que todos os aeroportos españois están operativos. Recomendan aos pasaxeiros que revisen o estado dos servizos de transporte público que chegan aos aeroportos e consulten coa súa aeroliña o estado do seu voo polas posibles reprogramacións deste luns.
Destacan ademais que esta pasada noite, os aeroportos adaptaron os seus horarios ás necesidades dos pasaxeiros reprogramados, sen grandes aglomeracións nas terminais. Tamén as estacións de tren permaneceron abertas para que os viaxeiros afectados pola supresión da circulación puidesen pernoitar.
Do transporte marítimo, hai que destacar que o da ría de Vigo funcionou este luns con normalidade, da mesma maneira que o está facendo durante esta mañá de martes.