Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os sectores produtivos volven á actividade de xeito gradual

Os sectores produtivos volven á actividade de xeito gradual

As grandes industrias, as máis afectadas polo corte da subministración, non informan polo momento de consecuencias irreparables do apagamento xeral

As entidades bancarias operan con normalidade, aínda que con "incidencias illadas" en caixeiros e oficinas

(EFE/Kiko Delgado) (EFE/Kiko Delgado)
G24.gal 29/04/2025 10:52 Última actualización 29/04/2025 15:05

O fallo eléctrico deste luns afectou a produción en toda Galicia. Na Coruña o primeiro sinal de alarma deuno a refinería, onde se accionaron os sistemas de seguridade dos fachos. Pronto, a subministración eléctrica interrompeuse, pero tamén o servizo da auga nalgúns puntos da cidade. A posta en marcha do complexo industrial será un proceso graduado que durará varios días, segundo informan fontes da compañía consultadas por Europa Press.

En Vigo, Stellantis viuse obrigada a paralizar a produción. Este martes á mañá a factoría recuperaba a actividade coa entrada ao traballo da quenda da mañá, ás 6:00, aínda que con dificultades no rearranque, que se foron resolvendo co paso das horas.

En Alcoa San Cibrao a falta de enerxía tamén obrigou a parar a produción na planta de alumina. Porén, esta mañá o comité de empresa informaba de que, a pesar de que o complexo industrial se mantivo sen enerxía durante oito horas, o traballo do persoal permitiu superar "de forma positiva" o "limiar de supervivencia" das instalacións. Agora mesmo aseguran que continúan co rearranque "con dificultades, pero sen ningún fallo crítico".

En Ferrol o persoal de Navantia regresou ás oito e media da mañá ao estaleiro tras o apagamento eléctrico masivo deste luns. Segundo os comités de emerxencia das plantas públicas da ría ferrolá, as instalacións están operativas e recuperaron a subministración enerxética habitual, polo que as dependencias volven ser seguras, e pódese entrar de forma graduada.

Na siderúrxica Megasa, situada no municipio de Narón, encárase tamén o inicio de actividade tras un día complicado. Carlos Bascoy, presidente do comité de empresa do complexo, subliñou que se prevé volver máis ou menos á normalidade. Prevén realizar un reinicio de actividade similar ao das paradas técnicas que levan a cabo habitualmente no recinto.

A fábrica de Ence en Pontevedra mantivo a normalidade "en todo momento" a través da xeración interna de enerxía, tanto eléctrica como térmica, segundo destacan fontes da compañía consultadas por Europa Press. "Puidemos manter a operación grazas a que somos enerxeticamente autosuficientes", destacan ditas fontes, que sinalan que o que fixo a factoría durante as horas que se prolongou o apagamento foi desacoplarse da rede.

As fábricas de Finsa estiveron paradas por mor do apagamento e ao mediodía deste martes están "todas recuperando a actividade", apuntan fontes da empresa consultadas por Europa Press.

Tamén noutros puntos de grande actividade da xeografía galega, como o porto de Vigo, afirman estar "a traballar con normalidade". Ás 4:15 horas procedeuse á apertura da lonxa e o mercado.

O sector galego do metal volveu á normalidade pero afronta con "graves consecuencias" a paralización de producións e fabricacións a partir das 13:00 horas do luns. O secretario xeral de Asime (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia), Enrique Mallón, explica que houbo "cero actividade practicamente" desde as 15:00 horas.

Ademais, "elimináronse quendas de noite", aínda que "a gran maioría das empresas a partir das 6:00 horas traballaron con total normalidade, salvo o ter que poñer en marcha moitas máquinas, algunhas de extrema complexidade, con sistemas tecnolóxicos avanzados que levan horas poñelos en funcionamento". A situación é "idéntica" en todo o territorio de Galicia, segundo indica Mallón.

En canto ao comercio, tendas, bancos e grandes superficies abriron as súas portas unha vez se recuperou a subministración en case o cen por cento do territorio. As maiores dificultades viñeron dadas polas avarías puntuais e o reinicio dos equipamentos que impediron a súa actividade.

O comercio galego recupera a normalidade tras o "gran descontrol" provocado polo apagamento na rede eléctrica sufrido este luns e perdas en sectores como o do pan ou negocios que venden produtos perecedoiros. 

O presidente da federación galega de comercios, José María Seijas, constata que foi unha xornada "que se perdeu de vendas" e que "os gastos seguen correndo", aínda que valora que non houbo outras incidencias destacables.

A operativa de tarxetas a través da plataforma Redsys recuperouse na práctica totalidade dos grandes comercios, e as oficinas bancarias e os caixeiros tamén operan con normalidade, salvo algunhas incidencias illadas.

O feito de dispoñer de grupos electróxenos nas granxas permitiu que o apagamento non interrompese a actividade nas explotacións galegas e, concretamente, que a falta de subministración non afectase a muxidura e a conservación do leite nos tanques de frío.

A  industria cárnica española cifra en ata 190 millóns de euros as perdas polo apagamento, polo que pediu axudas ao Goberno central ante un "desastre sen precedentes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade