O pequeno comercio xa traballa con normalidade e poden facerse pagos con tarxeta
Moitos destes comercios non deixaron de traballar durante o apagamento, só facían cobros en efectivo, pero fixeron unha boa caixa
Disparáronse as vendas de alimentación, pero tamén de candeas, pilas e radios
Tras as horas escuras, con sistemas informáticos inutilizados nin TPV para os pagos con tarxeta, os comercios recuperan a normalidade.
"Hoxe traballamos con total normalidade", di un comerciante, e outra comenta: "Onte á tarde reabrimos cando veu a luz, pero non podiamos cobrar con tarxeta".
Algúns pecharon durante o apagamento, pero reabriron tan pronto veu a luz, e como había moita xente na rúa activáronse as vendas.
"A verdade é que moi ben, como está aí o Día da Nai houbo bastantes vendas", explica a dona dunha tenda de roupa.
Tamén fixeron caixa os negocios, que xa habitualmente funcionan maiormente con pagos en efectivo como panaderías ou froiterías.
"Nos non paramos de traballar, pola mañá pesabamos a ollo, pola tarde xa cunha báscula de pila", di unha muller que traballa nunha froitería.
Peor o levaron nas pastelerías, hoxe tiveron que recuperar o tempo perdido.
"Hoxe tivemos que arrancar de cero e onte perdemos moitas masas", asegura a dona dunha pastelería.
Antes de perder o xénero moitas xeaderías decidiron regalalo ata acabar existencias.
"Os xeados empezaron a derreterse, entón decidimos regalalos e que a xente os puidese desfrutar", comentan nunha xeadería luguesa.
Pasou o apagamento, pero non a incerteza nos cidadáns; segue disparada a venda de pilas, candeas, radios ou grellas.