Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía Local do Porriño disolve unha carreira ilegal de vehículos cun coche fúnebre incluído

A Policía Local do Porriño disolve unha carreira ilegal de vehículos cun coche fúnebre incluído

Cinco condutores foron investigados pola presunta comisión dun delito contra a seguridade viaria

Nove condutores enfrontan denuncias administrativas, con sancións de 500 euros e a perda de 6 puntos da súa licenza

G24.gal 18/10/2024 11:41

A Policía Local do Porriño informou de que levou a cabo na noite do sábado ao domingo pasado a operación Caba, unha intervención destinada a desactivar unha "masiva" concentración de vehículos e persoas no polígono industrial Oceanis-Cataboi.

Segundo informou o Concello, a través dun comunicado, a cita foi convocada mediante as redes sociais e houbo exhibicións de condución e carreiras ilegais, o que xerou "un grave risco para a seguridade pública".

Desde hai varias semanas, as autoridades detectaron un aumento na concentración de turismos e asistentes no polígono os sábados pola noite. Inicialmente, segundo se relata, estas reunións eran "simples quedadas", pero co tempo evolucionaron cara a "carreiras ilegais e manobras perigosas", como buxainas e arranques que comprometían a seguridade de "case un milleiro de persoas presentes".

A operación, en honra ao falecido policía local Manuel Cabaleiro Martínez, foi coordinada polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 1 do Porriño. Dispúxose un amplo dispositivo policial que incluíu o uso de drons e outros medios técnicos para documentar as infraccións.

Condutores investigados

Ás 00:55 horas do 13 de outubro, a policía pechou sorpresivamente todos os accesos ao polígono, obrigando aos vehículos para saír por un único paso habilitado, onde se realizaron inspeccións exhaustivas.

Como resultado da operación, cinco condutores foron investigados pola presunta comisión dun delito contra a seguridade viaria (condución temeraria). Ademais, nove condutores enfrontan denuncias administrativas, con sancións de 500 euros e a perda de 6 puntos da súa licenza. rexistráronse máis de 20 infraccións contra o Regulamento Xeral de Vehículos, así como denuncias por circular sen seguro e sen cinto de seguridade. 

As investigacións revelaron que este tipo de concentracións están a levarse a cabo en varios municipios da comarca e no país veciño, con organizadores que implementan medidas de vixilancia para detectar a presenza policial.

Coche fúnebre

Entre os vehículos involucrados nestas carreiras ilegais atopáronse desde automóbiles con máis de 20 anos de antigüidade ata vehículos modernos, mesmo coa participación dun vehículo fúnebre.

Os investigados foron citados perante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 do Porriño, onde catro deles aceptaron a pena de prisión e a retirada do permiso de condución solicitada polo Ministerio Fiscal, quedando unha pendente de comparecer co seu avogado designado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade