Blue Origin leva ao espazo a prometida de Jeff Bezos e a cantante Katy Perry nunha misión só con mulleres
Blue Origin leva ao espazo a prometida de Jeff Bezos e a cantante Katy Perry nunha misión só con mulleres
O voo superou a liña de Karman e permitiu experimentar a gravidade cero durante uns minutos
A empresa aeroespacial Blue Origin completou este domingo con éxito a súa misión NS-31, que levou por primeira vez unha tripulación composta exclusivamente por mulleres ata os límites do espazo.
A bordo viaxaban Lauren Sánchez, prometida do fundador da compañía, Jeff Bezos; a cantante Katy Perry; a presentadora Gayle King; a produtora Kerianne Flynn; a enxeñeira Aisha Bowe; e a activista Amanda Nguyen.
O lanzamento realizouse arredor das 7:30 horas locais dende Texas, cunha cápsula impulsada polo foguete New Shepard, que xa completou once misións tripuladas.
Jeff Bezos despediu persoalmente as viaxeiras antes do embarque. Entre o público tamén se atopaban as celebridades Kris Jenner, Khloé Kardashian e Oprah Winfrey, que acudiron para apoiar as pasaxeiras e destacar o carácter histórico da viaxe.
Tres minutos despois do lanzamento, as tripulantes experimentaron a gravidade cero e cruzaron a liña de Kármán, o límite recoñecido entre a atmosfera terrestre e o espazo exterior. Durante uns minutos, puideron desfrutar da ingravidez e compartiron a súa emoción mediante comunicacións de audio coa base.
O foguete regresou á plataforma de aterraxe pasados sete minutos e vinte segundos, mentres que a cápsula completou o seu descenso e tocou terra aos dez minutos do lanzamento.