Publicador de contidos

Publicador de contidos

A asociación Agapema convida a aprender a través do xogo na XVIII Feira Matemática

A asociación Agapema convida a aprender a través do xogo na XVIII Feira Matemática

A mostra reuniu no Palexco preto de cincocentos estudantes de todas as etapas educativas

G24.gal 22/03/2025 21:12 Última actualización 22/03/2025 21:57

O profesorado de matemáticas agrupado na asociación Agapema leva case vinte anos amosándonos a cara máis divertida da súa materia na Feira Matemática da Coruña, que este ano chegou á súa edición número dezaoito sen perder de vista o seu obxectivo primixenio.

"Compartir experiencias matemáticas para que no día a día vexamos que as matemáticas non son só fórmulas e números, senón que están presentes en moitos ámbitos, como a arte e a música", explica Cristina Naya, membro de Agapema.

A feira reuniu no Palexco preto de 500 estudantes de diferentes niveis educativos procedentes de centros da Coruña, Sada, Rois, Culleredo, Oleiros, Baio e Ferrol, que puideron participar nunha trintena de postos arredor do lema escollido para esta edición: "A maxia das matemáticas".

Os proxectos presentados foron elaborados por alumnado de primaria, secundaria e do ámbito universitario, baixo a supervisión de 92 docentes. 

Estímase que preto de 1.500 persoas visitaron ao longo do día a mostra, na que tamén participaron entidades como o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, a Federación Provincial de ANPAS, o Instituto Galego de Estatística, Protección Civil e a Xefatura Provincial de Tráfico.

A Feira Matemática realízase cada ano con motivo da conmemoración do Día Escolar das Matemáticas e consolídase como unha cita referente na divulgación científica e educativa na cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade