"Un océano de cociñas" na décima edición do Galicia Fórum Gastronómico
Tres días dedicados á enogastronomía cun programa que inclúe máis de cen actividades: cociñados, relatorios, catas, presentacións e concursos
A décima edición do Galicia Fórum Gastronómico da Coruña celebra a riqueza atlántica e rende homenaxe aos produtos do mar baixo o lema "Un océano de cociñas". Aínda que o peixe non estaba nin se agardaba por el no primeiro taller do programa.
Leo Cao traballa coas mellores carnes galegas e traslada a excelencia do produto de proximidade ás brasas do cociñado.
"Busco ese toque final para que a xente poida distinguir un produto que se produce e cría durante tantos anos en Galicia e que nos dá un sabor moi diferenciado", explica o cociñeiro do restaurante Divino Steak House.
Polo escenario principal do Fórum en Expocoruña irán pasando ata o próximo martes algúns dos chefs máis prestixiosos do país. Na xornada inaugural, os cinco candidatos ao Premio Cociñeiro Galego 2025 elaboraron as súas propostas.
"É unha cociña de produto da contorna, real e directa. Hai moito oficio", asegura Nel Parada, do restaurante Nordestada de Portosín.
O Fórum celebra o seu décimo aniversario cun programa de tres días e máis de cen actividades: presentacións, cociñados con degustación final, concursos e catas, porque a gastronomía líquida tamén ten o seu propio espazo nesta cita imprescindible para os profesionais da enogastromía.
"A feira xera moito negocio. É o lugar onde os produtores e as empresas galegas teñen que vender o produto galego e ao que se achegan produtores doutras latitudes para enriquecer a nosa gastronomía", afirma Ana Trevisani, directora do Galicia Fórum Gastronómico.
Máis de duascentas marcas expositoras ocupan a superficie reservada para a feira comercial, un escaparate das tendencias e das novidades do sector.