Pontevedra, a aposta por unha cidade que busca o turismo cultural e deportivo
Desde o concello priorizan a desestacionalización do turismo con eventos programados ao longo do ano
As actividades deportivas e culturais atraen o turismo familiar e de xente nova
A cidade de Pontevedra, cunha zona vella peonalizada, unha ampla axenda cultural e boa oferta gastronómica serve de acubillo para os viaxeiros que en días de chuvia queren coñecer a capital das Rías Baixas. Desde os soportais da chamada Boa Vila pode coñecerse un dos centros históricos mellor conservados de toda Galicia e ao que chegan cada vez máis turistas, tanto peregrinos do Camiño Portugués coma visitantes con intereses máis diversos.
"Este incremento é paulatino, non xenera ningunha distorsión no funcionamento da cidade e tamén é a aposta do concello. Traballamos por eventos que atraian un tipo de público concreto, que nos interese, moi relacionado coa cultura, o deporte e a desestacionalización. Fai nada tivemos os Feroz que encheron en pleno xaneiro a nosa cidade e agora xa estamos preparando o triatlón, campionatos de natación artística", di Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra
Actividades que deixan no sector hostaleiro unha media de 60 euros por persoa, que fomentan un turismo familiar e que levan aparellada unha programación cultural en calquera época do ano.
"Eu creo que Pontevedra ofrece calidade de vida. Fixemos unha transformación urbana hai anos e convertémonos nunha cidade referente. Pero non é só iso, Pontevedra ten a taxa de poboación máis nova de toda Galiza, entón o que ofrecemos é vida. Gozar do espazo público", asegura Gulías
"Sobre todo no verán hai que recoñecer que o bo tempo e a oferta gastronómica, xunto coa cultura e o viño fai moito ben para que a xente teña ganas de gozar do tapeo, do tardeo e de todas as variantes que atraen a xente máis nova", asegura Pedro Mandías, guía turístico na cidade
"Todos os locais que ofrecen servizos no casco histórico fan que sexa moi turístico e a xente vén gozar da restauración" asegura Perla Ribera, hostaleira
E se a chuvia obriga a gorecerse, sempre hai unha exposición que ver, un concerto que escoitar ou un café para compartir.