Parte do pequeno comercio impón límites ao cobro con tarxeta polas altas comisións
En moitos casos só se permite o pago electrónico a partir dos cinco euros e noutros xa só se acepta o efectivo
Por motivos de hixiene, o pagamento con tarxeta xeneralizouse durante a pandemia, é o método máis empregado. Aínda así, hai comercios que se negan a aceptar diñeiro electrónico por debaixo dunha cantidade.
Din as tendas pequenas que as comisións bancarias son abusivas e comen o escaso beneficio que teñen. Non son moitos, pero cada vez son máis os comercios que deciden poñer límites ao pagamento con tarxeta.
"Non é por non cobrar con tarxeta por dicir: 'Non dou o servizo'. Si dou o servizo pero só a partir dos cinco euros, porque se non é mellor que peche a porta, xa que me vai a ganancia na comisión", sinala Ana Rocha, propietaria dunha tenda de produtos naturais na rúa García Barbón de Vigo.
Un gasto excesivo sobre todo en pagamento con tarxetas internacionais.
"Aos peregrinos non lles pode cobrar unha barra de pan de 2,5 euros con tarxeta, porque ao seren internacionais a comisión é de 1 euro!", asegura Ana.
Os límites eran habituais antes da pandemia, pero as precaucións sanitarias impuxeron o diñeiro electrónico, que veu para quedar.
"Tiñamos un límite de dez euros para o pagamento con tarxeta, pero despois do confinamento as novas donas do negocio decidiron quitar os límites", di a dependenta dunha papelería.
Na maioría dos negocios non poñen restricións ao pagamento con tarxeta, que convive co diñeiro en metálico.
"A xente xa está moi acostumada a pagar con tarxeta, aínda que sexan cantidades pequenas, un euro, cincuenta céntimos", di a dependenta dunha panadaría.
Si se están a poñer de moda as máquinas de cobro en efectivo, para maior comodidade de comerciantes e clientela.
"Nunca se equivoca. E é máis cómodo e rápido, para nós e para o cliente", di a panadeira.
Outra derivada desta cuestión é pensar no que sucedería coas propinas ou as esmolas se desaparecese o diñeiro en metálico, porque hai cousas que nunca se pagarán con tarxeta...