A mina de litio de Doade, entre as elexidas por Bruxelas para impulsar materias primas na UE
Cun investimento de 120 millóns de euros, xeraría 320 postos de traballo e procesaría 500.000 toneladas ao ano durante 42 anos, obtendo 93.000 toneladas de concentrado de litio
A UE fixa unha listaxe de 47 proxectos en todo o continente, 7 en España, cos que quere reducir a dependencia doutros países e reforzar a cadea de valor das materias primas europeas
Unha explotación na mesma localización, no concello de Beariz, foi denegada en 2020, pero a empresa promotora, que solicitou en xaneiro o permiso para a súa explotación, sostén que é un proxecto "distinto"

A mina de litio de Doade, no concello ourensán de Beariz, figura entre os 47 proxectos considerados estratéxicos pola Comisión Europea para a explotación de materias primas coas que se busca reducir a dependencia de países como A China e reforzar a cadea de valor das materias primas europeas.
O pasado mes de xaneiro a empresa Recursos Minerales de Galicia solicitou á Xunta a concesión desta explotación para a extracción de litio e feldespato. Antes, en 2020, un plan para o mesmo lugar fora denegado pola administración autonómica, pero a compañía sostén que se trata dun proxecto distinto.
A empresa defende que esta explotación mineira, que pretende emprazar nunha zona de máis 13 hectáreas nunha zona propiedade dunha comunidade de montes en man común, ten un impacto ambiental con "mínimas afecciones". Trátase dunha mina de galerías subterráneas de entre 50 e 300 metros de profundidade, que procesaría 500.000 toneladas ao ano, durante 42 anos, obtendo 93.000 toneladas de concentrado de litio. Prevé un investimento de máis de 120 millóns de euros, segundo sinala a promotora na súa propia páxina web, e a xeración de 320 postos de traballo directos e indirectos.
A mina busca extraer pegmatita rica en litio, fundamental para baterías de vehículos eléctricos e dispositivos electrónicos. Está considerado un dos proxectos europeos máis importantes neste eido, e a posibilidade de acceder a financiamento comunitario.
Desde o Foro Fieito, que reúne científicos e académicos galegos, lembran que Europa é moi estrita para que as empresas mineiras sexan verdes. O seu presidente, Luis Varela, cre que Galicia pode contribuír a que o progreso do continente non dependa de se outros lle venden ou non materiais estratéxicos.
En toda España son 7 os proxectos seleccionados por Bruxelas na súa maioría relacionados coa extracción de minerais. Ademais da mina de Doade, figuran na listaxe o proxecto mineiro das Navas, en Estremadura, para a extracción de litio; a P6 Metals, en Estremadura, para extracción e procesamento de volframio; e o proxecto mineiro El Moto, en Castela-A Mancha, centrado en volframio.
Ademais outras explotacións prioritarias en territorio español son a iniciativa de extracción e procesamento de cobre das Cruces, en Andalucía; a mina Aguablanca para a subministración de cobalto, cobre e níquel en Estremadura; e o proxecto de reciclaxe mineira Circular, con sede en Andalucía, para contribuír ao abastecemento de cobre, níquel e metais platinos.
47 proxectos estratéxicos en todo o continente
A Comisión Europea decide así apoiar 47 proxectos estratéxicos en todo o continente para a explotación de materias primas críticas como cobalto, litio ou magnesio para o abastecemento destes minerais no vello continente europeo.
A lista elaborada por Bruxelas contempla proxectos de minería en 13 estados membros do bloque, cos que cobre 14 materiais críticos dos 17 que fixou como prioritarios na súa directiva. Do total de proxectos identificados, 22 iniciativas céntranse no litio, 12 no níquel, 11 de grafito, con outros 10 relativos ao cobalto e 7 ao manganeso.
O plan pasa por apoiar distintas fases da cadea de valor, xa que de todos os proxectos identificados, 25 contemplan actividades de extracción de minerais, mentres que outros 24 céntranse no procesamento de materiais, 10 na reciclaxe e dous na substitución de materias primas críticas.
Esta lista de proxectos beneficiaranse do apoio coordinado da Comisión, os Estados membros e as institucións financeiras para impulsar a súa entrada en funcionamento, á vista do investimento estimado duns 22.000 millóns que se necesita para lanzar os proxectos. Igualmente poderán contar con disposicións simplificadas en materia de permisos, co obxectivo de garantir a previsibilidade para os promotores das iniciativas.
Detrás desta lista está a intención do Executivo comunitario de garantir a seguridade da subministración de materias primas estratéxicas da Unión. Os proxectos foron seleccionados por ser "tecnicamente viables ou ter potencial para selo nun prazo razoable, mostrar os volumes de produción previstos e executarse de forma sostible".
Esta lista de proxectos estratéxicos de minería na UE segue a lei de materias primas críticas aprobada en 2023 coa que Bruxelas quere diversificar as importacións de materiais críticos para garantir que a partir de 2030 a UE non consegue máis do 65 % deles dun único terceiro país como A China. Actualmente o bloque obtén o 97 % do seu magnesio na China, mentres que o 63 % do cobalto mundial, utilizado en baterías, extráese na República Democrática do Congo.