Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas propón rebaixar a protección do lobo na lexislación europea

Bruxelas propón rebaixar a protección do lobo na lexislación europea

A Comisión Europea defende que asistimos á recuperación das poboacións e o incremento de ataques ao gando e pide adaptar a normativa ao novo estatuto adoptado no Convenio de Berna

Arquivo (Europa Press/Defensa Animal) Arquivo (Europa Press/Defensa Animal)
G24.gal 07/03/2025 16:31 Última actualización 07/03/2025 16:50

A Comisión Europea propuxo este venres modificar a Directiva de Hábitats para reducir o nivel de protección do lobo na normativa comunitaria e aliñalo co novo estatuto adoptado no Convenio de Berna, rebaixado a pedimento da UE ante a recuperación das poboacións e o incremento de ataques ao gando.

"A concentración de mandas de lobos nalgunhas rexións de Europa converteuse nun perigo real, especialmente para o gando. Para xestionar de maneira máis activa estas concentracións críticas, as autoridades locais levan tempo pedindo maior flexibilidade", declarou nun comunicado a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

A comisaria europea de Medio, Jessika Roswall, indicou pola súa banda que "a protección dos lobos baixo a Directiva de Hábitats permitiu que a especie se recupere da case extinción nas últimas décadas" pero a realidade cambiou e agora hai "un gran número de lobos nalgúns países da UE".

O Executivo comunitario propón que o animal pase de estar catalogado como "estritamente protexido" a só "protexido", o que "outorgará aos estados membros a flexibilidade necesaria para xestionar as súas poboacións de lobos".

Desa forma, as autoridades locais poderán "atopar solucións máis específicas para protexer tanto a biodiversidade como os nosos medios de vida rurais", engadiu Von der Leyen.

"Isto non modifica a obrigación legal dos Estados membros de protexer a especie e preservar as súas poboacións", avisou Roswall sobre unha proposta que require a aprobación do Consello da UE e do Parlamento Europeo.

A modificación do Convenio de Berna a través do Consello de Europa, en vigor desde hoxe, foi aprobada en decembro do ano pasado a pedimento da Unión Europea, que en setembro solicitara pasar o estatuto de protección do Anexo II ao III.

Baixo o réxime do Anexo II está prohibida calquera forma de captura intencional ou de morte intencional -o que inclúe a caza-, así como a destrución ou a deterioración dos espazos de reprodución ou das áreas de descanso. Tamén está proscrito o comercio e a detención destes animais.

Pero co Anexo III, as cousas cambian, xa que a regulamentación si que permite algunhas desas prácticas, a condición de "manter a existencia desas poboacións fóra de perigo".

A Comisión subliñou este venres que, aínda que se aliñe a normativa europea co Convenio de Berna, os Estados membros "seguirán tendo a posibilidade de manter un nivel de protección máis alto se así o consideran necesario segundo a súa lexislación nacional".

Isto débese a que hai un bloque minoritario de países que non apoia esa modificación: España, Irlanda, Eslovenia, Chipre, Malta e Bélxica.

De feito, España manterá o nivel de protección dese gran carnívoro, que forma parte da listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre) e conta cunha estratexia nacional para a súa conservación.

Con todo, dentro do propio Estado español existen diverxencias pois as "comunidades lobeiras" (Galicia, Castela León, Asturias e Cantabria) levan varios anos metendo presión en Bruxelas para forzar un cambio na normativa e reclamando en España que aplique os protocolos máis permisivos polo menos ao norte do Texo, onde os ataques ao gando son frecuentes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade