Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez asegura que cumprirá o compromiso de chegar ao 2% do gasto en defensa

Sánchez asegura que cumprirá o compromiso de chegar ao 2% do gasto en defensa

Nunha conferencia de prensa desde Helsinqui xunto ao primeiro ministro de Finlandia, o presidente do Goberno evitou desvelar cando e como pensa financialo: "Explicaréillelo aos meus cidadáns en España"

Sánchez aclara que reclama subvencións directas da Unión Europea para gasto en defensa para os países próximos á fronteira con Rusia e non para España

Os socios do Goberno, contrarios a subir o gasto en defensa

G24.gal 12/03/2025 11:14

O presidente do Goberno Pedro Sánchez reafirmou que chegará ao 2 % do PIB en gasto en defensa e asegurou que está preparados para acometer ese compromiso coa OTAN, pero evitou achegar detalles sobre cando e como alcanzará ese nivel de investimento.

Nunha conferencia de prensa desde Helsinqui xunto ao primeiro ministro de Finlandia, onde se atopa de viaxe oficial, Sánchez reiterou que chegarán a esa porcentaxe en investimento militar, ao día seguinte da súa reunión coa vicepresidenta segunda e dirixente de Sumar Yolanda Díaz, na que os dous socios do Goberno de coalición non chegaron a unha posición común sobre este asunto.

"Asegurámoslles que estamos preparados para cumprir co noso compromiso e cumprir con ese obxectivo do 2 % do PIB, ímolo facer", afirmou Sánchez na primeira parada da xira internacional que leva a cabo este mércores e que esta mesma tarde o levará a Luxemburgo.

A preguntas dos medios, evitou concretar cando alcanzará o 2 % do PIB para defensa, tendo en conta que se comprometeu a acelerar os investimentos e chegar a esa porcentaxe antes do ano 2029, a data pactada inicialmente.

"Se mo permite, explicareilles aos meus cidadáns en España, non aquí, como e cando imos chegar a este obxectivo", contestou o xefe do Executivo, que considera que para dar esa resposta primeiro hai que definir as ameazas reais, as capacidades necesarias para afrontar esas ameazas e finalmente como se financian.

O presidente do Goberno español reclamou subvencións directas da Unión Europea para gasto en defensa, pero precisou que non as pide para países do sur, como España, senón para os bálticos e nórdicos, os máis próximos á fronteira con Rusia.

O xefe do Executivo español xa pediu esas transferencias directas ou subvencións na reunión extraordinaria do Consello Europeo da semana pasada en Bruxelas e asegurou entón que o seu Goberno dará a batalla por conseguilas para que as facilidades da UE non queden só en préstamos.

Por outra banda e á espera da resposta de Rusia á proposta de cesamento do fogo provisional durante 30 días na guerra en Ucraína, Sánchez afirmou que a UE está preparada para desempeñar o papel que lle corresponde nas negociacións para lograr unha paz xusta e duradeira. Mentres tanto, reiterou a necesidade de seguir mantendo un apoio firme a Ucraína tal e como asegurou que segue e seguirá facendo España. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade