A UE responde aos aranceis dos EUA con contramedidas por valor de 26.000 millóns de euros
O Goberno comunitario pon en marcha a partir do 1 de abril contramedidas rápidas e proporcionadas ás importacións dos Estados Unidos
A Comisión Europea considera os aranceis inxustificados, perturbadores do comercio transatlántico e prexudiciais para as empresas e os consumidores

A Unión Europea (UE) impulsou este mércores contramedidas "rápidas e proporcionadas" ás importacións dos Estados Unidos en resposta á entrada en vigor de novos aranceis "inxustificados" dese país ao aceiro e aluminio europeos.
"A Comisión lamenta a decisión dos EUA de impoñer tales aranceis, por consideralos inxustificados, perturbadores do comercio transatlántico e prexudiciais para as empresas e os consumidores, xa que a miúdo se traducen nun aumento dos prezos", indicou nun comunicado a Comisión Europea.
"Están en xogo postos de traballo. Os prezos subirán en Europa e nos Estados Unidos", di Von der Leyen
O Executivo comunitario explicou que a súa resposta a eses aranceis estadounidenses do 25 % ás importacións deses metais de todo o mundo foi "calibrada coidadosamente" e formulada en dúas fases.
En primeiro lugar, a Comisión permitirá que a suspensión das contramedidas vixentes de 2018 e 2020 contra os EUA expiren o próximo 1 de abril. Estas contramedidas van dirixidas a unha serie de produtos estadounidenses que responden ao prexuízo económico causado a exportacións de aceiro e aluminio da UE por valor de 8.000 millóns de euros.
En segundo lugar, en resposta aos novos aranceis estadounidenses que afectan a máis de 18.000 millóns de euros de exportacións da UE, a Comisión propón un paquete de novas contramedidas sobre as exportacións estadounidenses que está previsto que entren en vigor a mediados de abril, previa consulta aos Estados membros e ás partes interesadas.
En total, as contramedidas da UE, por valor de ata 26.000 millóns de euros, poderían aplicarse a exportacións de bens estadounidenses e igualar o alcance económico dos aranceis norteamericanos, cifrados en 28.000 millóns de euros.
Mentres tanto, a UE segue disposta a colaborar coa Administración estadounidense para atopar unha solución negociada e lembrou que as medidas anunciadas "poden anularse en calquera momento no caso de que se atope a dita solución".
"As relacións comerciais entre a Unión Europea e os Estados Unidos son as maiores do mundo. Achegaron prosperidade e seguridade a millóns de persoas, e o comercio creou millóns de postos de traballo a ambos os lados do Atlántico", lembrou a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen, quen lamentou "profundamente" a medida estadounidense.
Afirmou que os aranceis son impostos, son malos para as empresas e aínda peores para os consumidores e subliñou que perturban as cadeas de subministración e traen incerteza para a economía: "Están en xogo postos de traballo. Os prezos subirán. En Europa e nos Estados Unidos", advertiu.
Así, recalcou que a UE debe actuar para protexer os consumidores e as empresas e que as contramedidas que decidiu hoxe son fortes pero proporcionadas.
Von der Leyen indicou que as contramedidas europeas se introducirán en dúas etapas: empezarán o 1 de abril e entrarán plenamente en vigor o 13 dese mes, aínda que mentres tanto seguirán abertos á negociación.
Os aranceis impostos polos Estados Unidos para o aceiro e aluminio importados entraron en vigor este mércores nun momento de crecente incerteza nos mercados polos cambios de rumbo do Goberno de Donald Trump na súa política comercial, especialmente encerellado en disputas comerciais co Canadá.
Os do aceiro afectan sobre todo ao Brasil, México, Corea do Sur e Vietnam, e os do aluminio aos Emiratos Árabes Unidos, Rusia e A China.