Rueda di non á condonación da débeda nun tenso debate con Pontón á conta do machismo
O líder do PSdeG pediulle ao presidente que acepte a quitación e acúsao de estarse metendo nun canellón sen saída
Pontón carga contra Rueda por dicir machistadas e converter o Parlamento nunha lameira, e o presidente chámalle covarde por non condenar os ataques contra Fabiola García e Ánxeles Vázquez

O presidente da Xunta Alfonso Rueda insiste en rexeitar a proposta de condonación da débeda realizada polo Goberno central. Sostén que estamos ante unha ameaza ou chantaxe a Galicia para obter financiamento.
Foi nunha sesión de control na que a cuestión da quitación da débeda ás comunidades autónomas marcou o cara a cara con José Ramón Besteiro, reelixido esta fin de semana como secretario xeral do PSdeG.
Besteiro: "Abrace a condonación, está entrando nun canellón sen saída"
O líder socialista indicou que condonación é tamén financiamento para Galicia, porque a comunidade autónoma tería liberados uns 570 millóns de euros, en referencia á terceira parte dos 1.700 millóns de euros anuais que destina a amortizar a débeda e advertiu a Rueda de entrar nun canellón sen saída a este respecto.
"Abrace a condonación e evite o ridículo", indicoulle Besteiro a Rueda, "porque se di non cometerá un erro de proporcións siderais".
Rueda recriminou a Besteiro ser un mandadiño do presidente do Goberno e líder do PSOE Pedro Sánchez.
Afirma que a quitación é unha chantaxe e explica: "Se aceptar a condonación consiste en que paguemos máis ou en que outros nos deixen de pagar a nós, iso non o admitimos". Afeou ao Goberno que ameace con non dar financiamento ás comunidades que non pidan a condonación.
"O PSOE ten que reaccionar", aconselloulle o presidente a Besteiro. "Non diga si, bwana a todo o que lle convén a Sánchez".
Pontón: "Dicirlle a unha muller de que pode falar é unha machistada impropia dun presidente da Xunta"
Foi unha sesión de control tensa, na que a líder do BNG Ana Pontón e o presidente da Xunta Alfonso Rueda protagonizaron un duro enfrontamento á conta do 8M e do machismo.
A voceira nacional do Bloque acusou a Rueda de dicir machistadas, cando no pleno anterior o presidente a tachou de covarde e lle dixo que non volva falar na vida de machismo ata que non condene o cartel da CIG que caricaturiza a conselleira de Política Social Fabiola García.
"Dicirlle a unha muller do que pode ou non pode falar é unha machistada impropia dun presidente da Xunta e deste Parlamento". Pontón confía en que non se volva repetir e advirte: "Vostede a min non me vai calar. Ás mulleres, na política, hai que criticarnos polas nosas actuacións políticas. Nunca me verá criticando unha muller por como viste e o que fai na súa vida privada. Queren converter este Parlamento nunha lameira".
Rueda aclarou: "O que lle dixen é que vostede non se atrevía a condenar a falta de respecto a unha muller", a raíz do cartel elaborado pola CIG. Aproveitou para lembrar as palabras pronunciadas pola deseñadora da campaña do 8M do BNG, Lúa Mosquetera, que afirmou que daría de hostias no carné de identidade á presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso e que ten unha conselleira no seu Goberno ameazada.
Pontón indicou que non comparte en absoluto as afirmacións sobre a deseñadora da campaña nacionalista, pero espetoulle: "Se lle interesa coñecer cal é a miña opinión sobre a señora Ayuso, direille que creo que debería estar sentada nun xulgado polas 7.000 persoas que faleceron nas residencias na pandemia", aseverou.
Na súa quenda, o presidente galego acusouna de dividir entre feministas boas, que son as de esquerdas e nacionalistas, e feministas malas, que son as demais, e concluíu asegurando que todas as mulleres merecen a mesma defensa.