O Parlamento aproba a nova Lei de Medios Públicos de Galicia
O PPdeG defendeu que con esta norma os medios públicos en Galicia poderán adaptarse ao novo “panorama dixital” e incorporar “contido de calidade”, á vez que se manterá “a promoción e a difusión da lingua galega”
BNG e PSdeG votaron en contra porque considera que a lei esconde a intención de "consagrar o control"sobre a CRTVG, mentres que o deputado de Democracia Ourensana se abstivo

O Parlamento de Galicia aprobou este martes a nova Lei de Medios Audiovisuais Públicos de Galicia, que regulará a Corporación Radio e Televisión de Galicia, cos votos do PPdeG, con maioría absoluta na Cámara, mentres a oposición denunciou que o texto esconde unha intención de "consagrar o control sobre a CRTVG".
A Xunta defendeu a necesidade de adaptar a compañía á nova realidade nun momento en que existe un novo marco “normativo estatal e europeo” ao que adaptarse nun escenario no que ademais “o patrón de consumo cambiou radicalmente”.
Durante a presentación da norma no Parlamento, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, asegurou que a norma lexislativa contempla unha “oferta sincera de man tendida para a elección” da próxima dirección. Galicia blinda a misión fundamental da promoción, difusión e impulso da lingua galega, xa que “dar a coñecer a identidade cultural” da comunidade “é e será innegociable”. “A nosa lingua é o noso máis valioso patrimonio inmaterial e é necesario protexela custe o que custe”, expuxo o conselleiro.
O texto aprobado é practicamente o enviado desde o Goberno galego debido a que durante o trámite parlamentario os populares só aceptaron tres das 70 emendas da oposición.
A norma impulsada desde a Xunta abre a porta a rebaixar o apoio parlamentario necesario para elixir o director xeral da CRTVG, que poderá ser designado coa maioría absoluta coa que conta PP na Cámara autonómica en terceira votación se antes non se alcanzan os apoios para unha maioría reforzada; dous terzos en primeira votación (50 votos) e tres quintos en segunda votación (45).
Precisamente esta foi a principal critica das representantes da oposición Olalla Rodil (BNG) e Silvia Longueira (PSdeG) que insisten en que nomear “a dedo” o novo director da CRTVG é a única motivación que moveu á Xunta para rexistrar o novo texto tras “anos de incumprimento” da lexislación actual.
Durante o debate na sesión plenaria, a deputada do PPdeG Carmen Pomar reivindicou a importancia da aprobación deste texto que permite renovar o texto anterior, do ano 2011. Segundo Pomar, grazas a esta norma, os medios públicos en Galicia poderán adaptarse ao novo “panorama dixital” e incorporar “contido de calidade”, á vez que se manterá “a promoción e a difusión da lingua galega” mentres dota aos medios de “pluralidade, obxectividade e profesionalidade”.
Pomar reiterou que unha nova lei era “necesaria” para a CRTVG, polo que lamenta que non conte co apoio da oposición que, ao seu xuízo, coa postura mantida durante o debate evidenciaron que “mentres nós buscamos o consenso vostedes alimentan o disenso”.
A deputada do BNG Olalla Rodil mostrou o seu rexeitamento á norma porque considera que o único que busca é “darlle o mando da tele ao PP” mediante unhas novas directrices que significan “máis control” para converter a CRTVG “no seu terminal de propaganda”.
A parlamentaria do PSdeG Silvia Longueira reprochou que Galicia vaia contar cunha lei “á medida” do partido no goberno e non da cidadanía, xa que os medios públicos estarán rexidos por unha norma que obvia “os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade”.
Estas decisións, segundo opinou, poñen de manifesto que aos populares non lles interesa unha televisión pública profesional e “só queren unha televisión pública submisa” para o que levaron a cabo “o caso de cambalache máis flagrante do noso país”.
O único deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, de Democracia Ourensana, reclamou unha revisión da CRTVG na súa totalidade porque cre que é “discutible” que nos últimos anos servise para normalizar o uso da lingua galega como debería. Así mesmo, puxo o foco no custo da corporación que recibe 135 millóns de euros de fondos públicos, polo que “é normal” que non poida ser independente e estea “fortemente controlada polo Executivo”, tal e como sucede, dixo, con outros medios que tamén son dependentes dos gobernos de quenda.