Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Vaticano pecha a Capela Sixtina para preparar o conclave

O Vaticano pecha a Capela Sixtina para preparar o conclave

De momento non hai data para a celebración da reunión en que os cardeais menores de 80 anos decidirán o nome do sucesor de Francisco

En canto se poñan de acordo, da cheminea da capela sairá un fume branco que anunciará ao mundo a elección do novo pontífice

directo Stefano Spaziani / Europa Press
G24.gal 28/04/2025 09:24

A Capela Sixtina de Roma permanecerá pechada ao público desde este luns, 28 de abril, para preparar o conclave do que sairá o novo Papa, tras a morte de Francisco. Aínda non se desvelou a data de inicio, pero deberá celebrarse entre o 5 e o 10 de maio, é dicir, entre 15 e 20 días despois da morte do pontífice.

Os cardeais convocados, os menores de 80 anos, reuniranse na capela baixo estritas normas de segredo. No tellado instalarase unha cheminea na que poderá verse o fume que anuncie a elección do novo pontífice.

A primeira das reunións deste luns deu comezo ás 09:00 horas, e, pola tarde, terá lugar a segunda, a partir das 17:00 horas. Os cardeais terán que decidir sobre o perfil do novo xefe da Igrexa e tamén sobre a participación do cardeal Angelo Becciu, condenado por un caso de irregularidades financeiras no marco da compra fraudulenta dun edificio no centro de Londres.

O proceso para a elección do sucesor de Francisco

A elección realízase mediante votacións secretas: dúas pola mañá e dúas pola tarde. Para ser elixido, un candidato debe obter polo menos dous terzos dos votos. Unha vez alcanzada a maioría, pregúntaselle se acepta a elección e que nome desexa tomar. O seu si converte o elixido en novo bispo de Roma.

Unha vez sexa escollido o papa, o fume branco anunciará ao mundo o final do conclave. Desde o balcón central da Basílica de San Pedro, o cardeal protodiácono Dominique Mamberti proclamará en latín: "Habemus Papam", e presentará o novo pontífice aos fieis. A sede vacante concluirá coa elección do novo pontífice.

A complexidade deste conclave

Prevese que o conclave que elixirá o 267.º Sucesor de Pedro será complexo, xa que veñen cardeais de todas partes do mundo e moitos nin sequera se coñecen entre eles, pois foron nomeados recentemente por Francisco. Así, este preséntase como un dos conclaves con máis diversidade e máis universal dos últimos tempos, en palabras do  arcebispo de Madrid e vicepresidente da Conferencia Episcopal Española (CEE) José Cobo.

Con todo, Cobo non agarda que se prolongue demasiado. "Moi longo, moi longo, non será, porque eu creo que as conversas desta semana axudarán a que nos vaiamos coñecendo practicamente todos os cardeais. Creo que iso axilizará moito o desenvolvemento final do conclave", sinala o cardeal español.

Tras a morte do papa Francisco, o Vaticano activou un protocolo moi definido para garantir a continuidade no liderado da Igrexa Católica. As regras que rexen este período están recollidas na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis, promulgada por Xoán Paulo II e modificada posteriormente por Bieito XVI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade