Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 30.000 persoas visitaron a tumba do papa Francisco en Santa María a Maior

Máis de 30.000 persoas visitaron a tumba do papa Francisco en Santa María a Maior

Dende primeiras horas rexistráronse longas ringleiras ás portas do templo para acceder á sepultura

Máis de 400.000 persoas despediron o Papa no seu funeral no Vaticano e polas rúas do centro de Roma 

directo REUTERS/Claudia Greco
G24.gal 27/04/2025 08:28 Última actualización 27/04/2025 19:16

A basílica de Santa María a Maior de Roma abriu as súas portas ao público este domingo para que se poida visitar a tumba do papa Francisco, soterrado no templo este sábado tras un funeral con asistencia masiva.

Só durante a mañá, máis de 30.000 persoas entraron no templo para homenaxear o pontífice arxentino. Centos de persoas facían cola dende primeira hora da mañá para poder ver o sepulcro.

Sinxelo, todo branco, ten unha lápida en mármore da rexión de Liguria (no norte do país), terra de orixe dos antepasados italianos de Jorge Bergoglio.

A sepultura só conta cunha inscrición: Franciscus, o seu nome pontificio en latín. Ademais, na parede colocouse unha reprodución ampliada da súa cruz pectoral, en prata e co Bo Pastor.

No seu testamento, difundido estes días pola oficina de prensa da Santa Sé, o Papa deixou por escrito que o custo do sepulcro sería afrontado por un benfeitor descoñecido.

A lápida do papa Francisco. Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS

Devoción pola Virxe María

Francisco elixiu unha tumba sinxela, ao nivel do chan e sen decoración no interior do templo, á beira da capela dunha icona mariana da que foi moi devoto, a Salus Populi Romani.

Jorge Bergoglio tiña unha gran devoción por esta imaxe da Virxe María, a onde acudía a rezar a miúdo, razón pola que expresou o seu desexo de ser soterrado neste lugar.

Ademais, este lugar de sepultura non implicou modificacións estruturais nesta histórica basílica romana, unha das catro papais xunto a San Pedro do Vaticano, San Xoánn de Letrán e San Paulo Extramuros.

Ringleira para visitar a tumba do Papa. REUTERS/Hannah McKay Ringleira para visitar a tumba do Papa. REUTERS/Hannah McKay

Misa de loito por Francisco

Más de 200.000 persoas, na súa gran maioría mozas e adolescentes, encheron a praza de San Pedro do Vaticano e a contigua Vía da Conciliación para asistir este domingo á segunda misa de loito polo papa Francisco, oficiada polo cardeal Pietro Parolin.

Segundo fontes policiais, tanto San Pedro como os seus arredores están "completamente saturados", polo que se ordenou o peche dos accesos no medio dun amplo dispositivo de seguridade.

A liturxia foi a segunda das chamadas "novendiais", as nove celebracións eucarísticas de loito polo pontífice, falecido o pasado luns aos 88 anos de idade.

Participantes na misa deste domingo. REUTERS/Alkis Konstantinidis Participantes na misa deste domingo. REUTERS/Alkis Konstantinidis

A masiva presenza de xente nova na misa débese tamén á celebración do Xubileu dos Adolescentes, que en moitos casos planearan xa viaxar a Roma para a canonización do italiano Carlo Acutis, coñecido como o "santo millenial", e posposta tras o falecemento do Papa.

Baixo un sol radiante, voluntariado e membros das forzas de seguridade víronse obrigados a clausurar os accesos ao comezo da Vía da Conciliación media hora antes do comezo previsto da misa, ao constatar que se alcanzou o máximo da súa capacidade.

Más de 250.000 participaron este sábado no funeral polo papa Francisco, que se celebrou antes do cortexo fúnebre que trasladou os seus restos ata a basílica de Santa María a Maior, onde foi enterrado.

Os cardeais na basílica de Santa María a Maior. Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS Os cardeais na basílica de Santa María a Maior. Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS

Os cardeais rezan ante a tumba

Pola tarde, un grupo de máis de 110 cardeais acudiu á basílica para renderlle homenaxe ao defunto papa Francisco e rezar ante a tumba. Os purpurados participaron na liturxia das segundas vésperas.

A cerimonia foi oficiada polo cardeal lituano Rolandas Makrickas, arcipreste coadxutor da basílica. Os cardeais seguirán o luns coas congregacións xerais, as reunións preparativas do conclave que debería celebrarse entre o 5 e o 10 de maio.

Unha rosa sobre a tumba do pontífice. Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS Unha rosa sobre a tumba do pontífice. Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar