Uns 17 estudantes participaron nun programa de divulgación científica na Coruña
Realizaron unha estancia no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) xunto a grupos de investigación, co obxectivo de realizar unha práctica experimental e coñecer a profesión científica
Este domingo o estudantado presentou os seus proxectos científicos na DOMUS
Dos dezasete participantes, os catro mellores proxectos poderán seguir aprendendo no CICA
É un proxecto de divulgación científica organizado polo Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), da Universidade da Coruña, en colaboración cos museos científicos coruñeses. Os protagonistas aquí son o estudantado.
"Nós que somos especialistas sobre todo en bioloxía e en química, o obxectivo é ensinarlles os retos que se poden atopar cando están nun laboratorio de investigación", di Jaime Rodríguez, director do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas.
"É moi variado, hai temas de biomedicina, bioloxía e máis de química, é un rango de investigacións punteiras", engade Patricia Barciela Durán, directora técnica da Domus e membro do xurado.
Neste Congreso Científico participaron uns dezasete estudantes do programa de investigación Inkrústate, que realizaron unha estancia no CICA durante tres días xunto a algúns dos grupos de investigación co obxectivo de realizar unha práctica experimental e coñecer a profesión científica.
"A experiencia foi magnífica, o equipo foi marabilloso. A ciencia foi o que sempre me moveu desde pequena"
"Traballar man a man cos científicos, ver como funcionaba todo foi gratificante", din algúns dos participantes.
Os seus proxectos científicos tivéronos que defender en público e ante un xurado esta mañá na Domus.
"Imos valorar o seu modo de presentar e defender o seu traballo, o seu contido en canto a rigor científico e divulgativo", destaca Patricia Barciela.
"Puiden ver como traballaba o equipo de investigación, eu estou moi contenta e o proxecto vai de desenvolver unhas entidades que sexan sintéticas para poder estudar o funcionamento do virus", di Carla Fernández, unha das alumnas gañadoras do proxecto.
Todos os participantes recibiron o seu diploma, os gañadores poderán volver ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas a seguir aprendendo.
O proxecto pretende involucrar o estudantado no proceso de investigación científica e ofrecerlles a oportunidade de que o experimenten en primeira persoa.
