Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CinVigo leva por terceiro ano a ciencia ás rúas da cidade con setenta proxectos de trinta centros educativos

O CinVigo leva por terceiro ano a ciencia ás rúas da cidade con setenta proxectos de trinta centros educativos

Un total de 260 alumnos galegos de ensino secundario e bacharelato presentaron 70 proxectos científicos

G24.gal 26/04/2025 20:14

A terceira edición do CinVigo volveu levar a ciencia ás rúas da cidade. Un total de 260 alumnos galegos de ensino secundario e bacharelato presentaron nos postos do festival 70 proxectos científicos que defenderon con paixón ante os visitantes que se interesaron neles. A investigación e o rigor científico tomaron este sábado a porta do Sol.

Non é unha feira porque aquí nin se compra nin se vende. É un festival da Ciencia que inspira os estudantes a dedicarse á ciencia e que divulga a ciencia entre a cidadanía, a pé de rúa. Está organizado por terceiro ano consecutivo polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.

"Alumnos do ano pasado que participaron nos proxectos de bacharelato escribíronme, persoalmente, dicíndome 'onde podo estudar esta carreira para facer este tipo de cousas?' E iso para nós é o mesmo que dicir que estamos espertando ilusións na xente, estás espertando iniciativas para que poidan facer ciencia e poidan estudar o que queiran", conta a TVG Miguel Ángel Correa, o director do CINBIO da Universidade de Vigo.

A ciencia ensina a pensar e anima a cuestionar o mundo. Este festival ensina que iso pode ser divertido e pode ter futuro. Achegámonos á proposta do IES da Guía en Vigo, Microplásticos ao descuberto, que trata de poñer cifra ao plástico que hai na auga que consumimos. Moito. 

"O tema principal do proxecto é concienciar a xente de que os microplásticos están moi presentes en toda as partes, tanto no chan como no aire, no mar e incluso nos nosos corpos. E ao final é un problema medioambiental que nos afecta directamente", explica Angie López, do IES A Guía en Vigo.

Agora paramos diante do proxecto do IES de Tomiño. Consiste en facer que uns cristais sexan hidrófobos, que repelan a auga. 

"Cando vas no coche non podes ver fóra ben. Entón nós o que queremos impedir, que as pingas de auga esvaren e poidas ver mellor. Ao final a ciencia é moi importante para poder medrar como sociedade", relata Sofía Rodríguez, estudante do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.

O CInVigo consolídase como un referente da divulgación científica, neste caso na rúa, achegando proxectos aos cidadáns que ás veces viven de costas aos avances e ás posibilidades da ciencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade