Unha explosión múltiple nun porto iraniano deixa oito persoas mortas e 750 feridas
Varios contedores que almacenaban produtos químicos estouparon por causas aínda sen determinar

Unha explosión múltiple no porto de Shahid Rajai, situado no sur de Irán, deixa este sábado oito persoas mortas e case 750 feridas. Polo momento, non se determinaron as causas.
Segundo fontes oficiais, varios contedores que contiñan produtos químicos estouraron ao mediodía nas instalacións portuarias, situadas no estreito de Ormuz.
"As investigacións iniciais sinalan que a orixe do suceso está na explosión duns contedores nos que se almacenaban produtos químicos", dixo o voceiro da Organización Nacional de Xestión de Crise, Hossein Zafari, citado pola axencia ISNA.
Zafari explicou que a explosión foi tan potente que se escoitou nun radio de 50 quilómetros e sentíronse tremores nalgunhas zonas próximas, á vez que a onda expansiva danou edificios e coches na zona.
As televisións locais amosaron imaxes dunha enorme nube negra sobre o porto, así como escenas de pánico na zona. Este porto sufriu un ataque cibernético que paralizou as súas actividades en 2020 e do que Irán acusou a Israel.
Shahid Rajai é o principal porto de contedores iraniano e recibe o 80 % do transporte de mercadorías do país por ese medio. A explosión causou un incendio que horas máis tarde seguía sen ser controlado polos bombeiros, que recorreron ao uso de helicópteros.
Conversas entre Irán e os EUA
A traxedia sucede no mesmo día en que Irán e os Estados Unidos mantiveron unha terceira rolda de conversas sobre o programa nuclear iraniano, que se produce no medio das ameazas militares do presidente estadounidense, Donald Trump.
O presidente de Irán, Masud Pezeshkian, expresou en X o seu "profundo pesar e solidariedade polas vítimas" e ordenou investigar "a situación e as causas do incidente".
A Compañía Nacional de Refinamento e Distribución de Petróleo de Irán informou nun comunicado de que as actividades relacionadas coa súa empresa non resultaron afectadas e seguen operando en Bandar Abás, un importante centro petroleiro do país.