Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán e os EUA acordan avanzar nas negociacións nucleares con xuntanzas técnicas

Irán e os EUA acordan avanzar nas negociacións nucleares con xuntanzas técnicas

Ambos os dous países mantiveron un encontro indirecto en Roma coa intermediación de Omán

Policía no exterior da embaixada de Omán en Roma. REUTERS/Vincenzo Livieri Policía no exterior da embaixada de Omán en Roma. REUTERS/Vincenzo Livieri
G24.gal 19/04/2025 18:47 Última actualización 19/04/2025 19:51

Irán e os Estados Unidos acordaron este sábado avanzar á seguinte fase das negociacións sobre o programa nuclear iraniano na reunión indirecta mantida en Roma, informou Omán, que exerce de intermediario entre os dous rivais.

O ministro de Exteriores iraniano, Abás Araqchí, e o enviado especial estadounidense para Oriente Medio, Steve Witkoff, mantiveron un segundo encontro deste tipo na capital italiana, coa mediación do xefe da diplomacia omaní, Badr bin Hamad al Busaidi.

"Acordaron iniciar a seguinte fase das súas conversas, cuxo obxectivo é selar un acordo xusto, duradeiro e vinculante que garanta a Irán a completa liberación de armas nucleares e sancións e que manteña a súa capacidade para desenvolver enerxía nuclear con fins pacíficos", afirmou o Ministerio de Asuntos Exteriores de Omán nun comunicado.

Araqchí explicou que a nova fase inclúe reunións técnicas de expertos sobre o programa nuclear iraniano o vindeiro mércores en Omán. Logo, volverán manter un encontro o sábado. Malia e todo, o diplomático amosouse cauto.

“Non hai razón para demasiado optimismo nin demasiado pesimismo”.

Segundo dixo, só trataron cuestións relacionadas co programa nuclear iraniano, o que deixaría fóra a cuestión dos mísiles balísticos do país persa, así como o seu apoio aos hutíes do Iemen ou aos libaneses de Hezbollah.

Teherán considera como unha liña vermella todas as cuestións que estean relacionadas coa súa capacidade nuclear, o que inclúe o desmantelamento do seu programa atómico.

O alcance das conversas foi tema de disputa entre as dúas partes nos últimos días, con mensaxes de Washington que apuntaban a un desmantelamento nuclear total ou á inclusión do potente programa de mísiles iraniano.

Irán e os Estados Unidos comezaron as negociacións nucleares o sábado pasado cun primeiro encontro en Mascate (Omán) que ambas as dúas partes cualificaron como construtivo.

Ameazas de Trump

Estas conversas prodúcense baixo as continuas ameazas militares do presidente estadounidense, Donald Trump. De feito, este xoves declarou que non descartara un plan de Israel de destruír as instalacións nucleares de Irán.

"Non diría que o descartei. Non teño présa, porque creo que Irán ten a oportunidade de ter un gran país e vivir feliz sen morte. E gustaríame ver iso. Esa é a miña primeira opción", dixo no Despacho Oval da Casa Branca.

Tras o seu regreso á Casa Branca, o republicano renovou a súa política de "máxima presión" contra Irán con polo menos seis roldas de sancións para deter a venda de petróleo iraniano.

Trump abandonou durante o seu primeiro mandato o pacto nuclear de 2015, asinado entre Irán e seis potencias occidentais, que limitaba o programa nuclear iraniano a cambio do levantamento de sancións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade