Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin responde ao ultimato de Trump cunha tregua de 30 horas na Pascua

Putin responde ao ultimato de Trump cunha tregua de 30 horas na Pascua

O Kremlin mantén que segue en pé a condición que puxo Putin en xuño de 2024

Di que cesarán as hostilidades en canto o exército ucraíno retire todas as súas tropas das catro rexións anexionadas por Moscova en 2022:  Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia

Zelenski respondeu á tregua rusa acusando a Putin de "xogar con vidas humanas"

Putin este sábado anunciando a tregua de 30 horas en Pascua
G24.gal 19/04/2025 18:33 Última actualización 19/04/2025 20:51

Rusia respondeu hoxe ao ultimato lanzado polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, anunciando unha tregua con ocasión da Pascua ortodoxa, que espera que sexa secundada por Ucraína.

A resposta veu da man do xefe do Kremlin, Vladímir Putin, tras reunirse co xefe do Estado Maior, Valeri Guerásimov, segundo se puido ver nas imaxes publicadas polo Kremlin na súa canle de Telegram.

"Guiado por consideracións humanitarias, a parte rusa anuncia unha tregua pascual desde as 18:00 horas de hoxe á medianoite do domingo ao luns", dixo Putin 

Ao mesmo tempo, Putin advertiu que se Kíiv non secunda o breve cesamento do fogo, entón o exército ruso responderá "de inmediato e con todas as súas forzas".

Desta forma, pareceu responder á advertencia de Trump, quen asegurou o venres que se "en cuestión de días" non había avances nas negociacións entre rusos e ucraínos, EE.UU. exporíase abandonar o proceso de paz.

Zelenski respondeu á tregua rusa acusando a Putin de "xogar con vidas humanas"

O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, non rexeitou abertamente o cesamento do fogo, pero respondeu á tregua rusa acusando a Putin de "xogar con vidas humanas" tras rexistrarse en toda Ucraína alarmas antiaéreas pouco antes de que entrase en vigor.

"A defensa antiaérea e a aviación ucraínas xa comezaron a traballar para protexernos. Os drons Shahed nos nosos ceos revelan a verdadeira actitude de Putin cara á Pascua e a vida humana", afirmou.

Tregua de 30 horas durante a Pascua

Putin é un crente confeso, que ten por costume asistir á vixilia pascual, na noite do sábado, na catedral de Cristo Salvador de Moscova. Hoxe desde o Kremlim aseguraba: "Ordeno o cesamento de todas as accións militares durante este período".

"Asumo que a parte ucraína seguirá o noso exemplo", engadiu nun chamamento secundado pola Igrexa Ortodoxa rusa.

Ata o de agora, Putin negouse a declarar unha tregua por terra, mar e aire de maior duración, aducindo que unicamente servirá para que o inimigo reagrupe as súas forzas e reciba novas subministracións de armamento occidental.

O Kremlin mantén que segue en pé a condición que puxo Putin en xuño de 2024. Entón, asegurou que anunciará un inmediato cesamento das hostilidades en canto o exército ucraíno retire todas as súas tropas das catro rexións anexionadas por Moscova en 2022.

É dicir, Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia, rexións que o exército ruso non controla na súa totalidade e onde apenas logrou nos últimos meses ganancias marxinais.

Putin co xefe do Estado Maior de Rusia este sábado no Kremlin Putin co xefe do Estado Maior de Rusia este sábado no Kremlin
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade