Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia ataca a cidade ucraína de Sumy e deixa polo menos 30 persoas falecidas

Rusia ataca a cidade ucraína de Sumy e deixa polo menos 30 persoas falecidas

Entre as vítimas mortais hai dous nenos 

O ataque foi no centro da cidade preto dunha igrexa

Lugar do ataque, no centro de Sumi. REUTERS Lugar do ataque, no centro de Sumi. REUTERS
G24.gal 13/04/2025 13:42 Última actualización 13/04/2025 14:18

Rusia atacou no Domingo de Ramos con mísiles balísticos o centro da cidade nororiental de Sumy cun bombardeo no que morreron polo menos 32 persoas, entre elas dous nenos, segundo o servizo estatal de emerxencias. Ademais, outras 84 quedaron feridas.

O ministro ucraíno de Interior, Igor Klomenko, sinalou que o número de vítimas aínda pode aumentar. Acusou a Moscova de atacar civís de xeito consciente, no centro da cidade, preto dunha igrexa e con moita xente polo inicio da Semana Santa.

Nunha mensaxe publicada en Telegram, o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, reiterou que "é moi importante para todos no mundo non permanecer en silencio, non permanecer indiferentes".

"Os ataques rusos só merecen condena. É necesario premer a Rusia para que poña fin á guerra e garanta a seguridade da poboación. Sen unha presión realmente forte, sen o apoio adecuado a Ucraína, Rusia seguirá prolongando esta guerra", subliñou.

O mandatario lembrou que pasaron dous meses desde que o presidente ruso, Vladímir Putin, ignorou a proposta dos Estados Unidos para un cesamento do fogo completo e incondicional.

"Desgraciadamente, alí, en Moscova, confían en que poden permitirse seguir matando. Necesitamos actuar para cambiar a situación", salientou.

Coches calcinados no lugar do ataque ruso. REUTERS Coches calcinados no lugar do ataque ruso. REUTERS

Rusia multiplica os seus ataques contra a rexión

A rexión de Sumy é fronteiriza coa provincia rusa de Kursk, onde fixo unha incursión o Exército de Kíiv en agosto de 2024. Rusia lanzou unha ofensiva de primavera contra esta zona e a veciña Khárkov, segundo declarou o día 9 o comandante en xefe ucraíno, Oleksandr Sirski.

O ataque prodúcese nun momento no que os EUA tenta orquestrar un cesamento do fogo entre Rusia e Ucraína. Zelenski aceptou unha tregua completa de 30 días pero Moscova negouse ata o de agora.

Tamén chega un día despois de que o presidente dos EUA afirmara que as cousas entre ambos os dous países "están a ir ben", malia que os ataques continúen e o propio mandatario expresara frustración pola falta de avances para un cesamento do fogo.

"Creo que a relación entre Ucraína e Rusia pode estar a ir ben. E vano descubrir moi pronto. Chega un punto no que hai que aguantar ou calar. Xa veremos que pasa, pero creo que vai ben", asegurou Trump.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade