Montoro desdeña a operación Cataluña e carga contra políticos cataláns con contas en Andorra
Montoro defendeu que se cumprían os condicionantes para o artigo 155 da Constitución
O exministro de Facenda asegura que a única operación Cataluña que existiu foi o «rescate» financeiro da Generalitat co FLA
O exministro de Facenda Cristóbal Montoro asegurou que non está nada orgulloso de ter que aplicar o artigo 155 da Constitución durante o 'procés', senón "doído" por ter que facelo, e precisou que a única operación Cataluña que coñeceu é a do seu rescate.
Montoro fixo estas afirmacións na Comisión do Congreso que investiga a denominada operación Cataluña e as actuacións do Ministerio do Interior durante os gobernos do Partido Popular en relación coas presuntas irregularidades que vinculan altos cargos e mandos policiais coa existencia dunha trama parapolicial.
Na primeira parte da súa intervención, Montoro, tras dubidar dos motivos polos que foi chamado á comisión, dixo que si coñecera unha operación Cataluña, a do seu "rescate", e recoñeceu que a crise peor que viviu "foi a de Cataluña".
Lembrou que o entón presidente da Generalitat Carles Puigdemont "cumpriu estritamente" o mandato do 155 e o orzamento "quedou completamente en mans do Goberno central durante case oito meses e funcionou con normalidade".
Para Montoro, esa é a única "historia" na que participou e que "foi entendida doutra maneira en diferentes partes de España", porque había quen se preguntou "que facía o Estado gardando os servizos públicos dunha comunidade autónoma dese signo político".
Neste sentido, afirmou que "se houbo alguén que deixou a Cataluña crebada, ese alguén foi o tripartito catalán formado por PSC, ERC e ICV", que en 2009 "promoveron un sistema de financiamento en toda España que provocou unha crise fiscal formidable".
"Xa en 2012, o que fixo o Goberno foi pagar a factura da sanidade, a educación e a protección social, pagar o que non estaba pago porque alguén estaba a mirar a outro sitio", sentenciou.
Non se podían pagar os servizos públicos, engadiu, pero "si había políticos en Cataluña que non tiñan que preocuparse porque tiñan unhas contas abundantes nun país veciño, Andorra".
"Pregúntanme se Facenda estaba na policía patriótica, logo din que río"
Por Andorra e Suíza viaxaron os portavoces dos grupos tentado buscar respostas de Montoro aos informes policiais sen firma que circularon no seu día sobre as contas de dirixentes cataláns ou ás filtracións deses datos.
Pero foi practicamente imposible escoitar preguntas e respostas ante as recíprocas interrupcións entre interpelante e interpelado.
"Pregúntanme que se Facenda estaba na policía patriótica; logo din que río", afirma Montoro.
Montoro deixou claro que naquela época non sabía "nin que existise" o agora excomisario José Manuel Villarejo.
"Paréceme incrible que apareza este tipo de xente no meu país. Estou encantado de que se limpen estes baixos fondos", apostilou.
Choque con Podemos
O exministro de Facenda protagonizou un choque coa deputada de Podemos Martina Velarde, que lle afeou a regularización fiscal, os recortes durante a crise financeira, "mordidas" para o PP ou que non investigase o rei emérito.
"Vostede cre que un goberno somos todos, que todos estamos na mesma operación, viu moitas películas", díxolle Montoro á parlamentaria morada.
Ademais, ante a alusión aos recortes, reprochou á esquerda que non cambiase "nin unha coma" da lei de concellos e que tampouco tentase reformar o artigo 135 da Constitución, o que estableceu o teito de gasto, a pesar de para eles el era "o diaño con cornos".