Condenan a 15 anos de prisión o expresidente peruano Ollanta Humala por lavado de diñeiro
O tribunal considera probado que recibiu fondos ilícitos de Venezuela e Odebrecht para financiar as súas campañas
Tamén foron condenados a súa esposa, Nadine Heredia, e o cuñado, Ilán Heredia

O expresidente do Perú Ollanta Humala foi condenado este martes a 15 anos de prisión por un delito de lavado de activos, tras probarse que recibiu achegas ilícitas do entón presidente venezolano Hugo Chávez e da empresa brasileira Odebrecht para financiar as súas campañas electorais de 2006 e 2011.
A súa esposa, Nadine Heredia, tamén foi sentenciada a 15 anos por liderar esas campañas, mentres que o seu irmán Ilán Heredia recibiu unha condena de 12 anos.
O tribunal ordenou a "execución provisional da sentenza", polo que os tres condenados serán internados no centro penal que determine o Instituto Nacional Penitenciario (INPE).
Humala foi detido de inmediato por axentes da Policía Nacional do Perú ao rematar a audiencia. Nadine Heredia participou na sesión de maneira virtual.
O tribunal ve probada a existencia dunha rede criminal
Segundo explicou a xuíza Nayko Coronado, do Terceiro Xulgado Penal Colexiado Nacional, o tribunal considerou acreditado que os acusados constituíron unha organización criminal para recibir e ocultar fondos de procedencia ilegal. A lectura completa da sentenza emitirase o 29 de abril.
A maxistrada destacou que se detectaron doazóns falsas ou inexistentes nas campañas de 2006 e 2011, co obxectivo de lexitimar eses fondos irregulares. No caso da campaña de 2011, que levou a Humala á presidencia, identificáronse arredor de 3 millóns de dólares procedentes da construtora Odebrecht.
Como parte da sentenza, o tribunal fixou unha reparación civil de 10 millóns de soles (aproximadamente 2,67 millóns de dólares ou 2,35 millóns de euros).
Humala e Heredia negaron recibir diñeiro ilegal
En declaracións feitas en febreiro pasado, Humala afirmou que, no caso de que Odebrecht efectivamente enviara cartos á súa campaña, o diñeiro puido ser subtraído por Jorge Barata, entón xefe da empresa no Perú.
"Se é certo que Marcelo Odebrecht mandou a Barata traer diñeiro, eu creo que Barata roubou esa prata", asegurou.
Nadine Heredia, pola súa parte, negou durante o xuízo ter recibido fondos nin do goberno de Hugo Chávez nin de Brasil, nin tampouco da empresa Odebrecht.
A Fiscalía acusábaa de participar activamente na recollida de fondos para o Partido Nacionalista Peruano e de intervir en asuntos do Executivo durante o mandato do seu esposo.