Cáritas de Galicia reúne máis de 300 persoas no seu encontro do voluntariado
Destacan o labor que están a desenvolver para axudar a preto de 90.000 persoas
Esta xornada serviu tamén de homenaxe e lembranza ao papa Francisco
Preto de 90.000 persoas reciben axuda actualmente dos programas de Cáritas en Galicia, nos que colaboran máis de 4.500 voluntarios. Este sábado celébrase en Compostela o XVI Encontro do voluntariado de Cáritas.
"Cáritas é unha organización de voluntariado, é a Igrexa que se achega ao mundo da pobreza, que trata de ser un reflexo da misericordia de Deus no medio das necesidades e das vulnerabilidades das persoas, sen o voluntariado Cáritas non podería existir", destacou Fernando García Cadiñanos, bispo de Modoñedo-Ferrol e responsable de Cáritas en Galicia.
Esta xornada serviu de homenaxe ao papa Francisco e lembráronse as súas palabras sobre o labor de Cáritas, da que dixo que é "parte esencial e a institución do amor da Igrexa".
"Para nós o papa Francisco foi o Papa das periferias, o Papa da misericordia, o Papa dos pobres, a súa mensaxe calou moi fondo no que é a nosa actividade", engadiu.
Neste acto tivo como un dos temas centrais do labor de Cáritas o acollemento, a protección e a integración das persoas migrantes.
"Os migrantes son un colectivo moi presenta na atención de Cáritas, temos que ter unha atención e unha formación neste campo que nos leve ao coidado integral, que é o que busca sempre Cáritas", aseverou.
"Traballamos en todas as facetas, tanto de acollida, de atención ás necesidades básicas, de atención ao problema da vivenda, o máis urxente asociado á exclusión social neste momento", engadiu Pilar Farjas, directora de Cáritas diocesana de Santiago de Compostela.
Tres de cada catro euros que recibe Cáritas para desenvolver os seus programas de axuda proveñen de sectores privados. Fan un chamamento á cidadanía e ás empresa a colaborar.
A xornada conclúe cunha eucaristía xubilar na catedral de Santiago.
