Porfillar unha colmea no Rosal para conservar o negocio apícola
Afillar un covo axuda á protección e á supervivencia do negocio apícola, xa que ao ano morre o 30 % das abellas
Por cincuenta e cinco euros, a persoa doante ten dereito a dúas visitas guiadas ás alvarizas e a tres quilos de mel
No lugar de San Miguel de Tabagón, no Rosal, a abellariza da pequena empresa apícola Niño do Corvo ten xa unhas trinta colmeas amadriñadas e apadriñadas, case todas por xente do norte de Galicia, das provincias da Coruña e Lugo.
Por cincuenta e cinco euros, calquera pode achegarse ata aquí, aprender sobre o proceso da extracción do mel co dereito a levar para a casa tres quilos.
Este porfillamento supón tamén a posibilidade de conectar coa natureza e coa apicultura, pero o obxectivo principal é axudar á conservación das abellas, que están en perigo pola proliferación das velutinas e a incidencia do ácaro varroa.
Actividade ameazada
Marcos Rodríguez, que fundou Niño do Corvo o ano da pandemia, comezou con seis colmeas en 2020 e hoxe ten case duascentas. Delas saca mel de mil flores, de bosque e de breixo.
Na súa tenda do Rosal, vende uns 5.000 quilos de mel por tempada e outros produtos derivados ou necesarios para a apicultura. Marcos ten que diversificar para poder vivir desta actividade ameazada.
"A velutina é unha das ameazas. Tamén temos o gran problema do ácaro varroa. En segundo plano eu poría a velutina. E iso está detrás da dificultade que ten o sector para despois poder sacar eses quilos de mel ao mercado, e que o consumidor poida probalos. Realmente é complexo. Doado non é", conta á TVG Marcos Rodríguez Portela, o dono do Mel Niño do Corvo.
De camiño a coñecer o epicentro do seu negocio, as abellas e as colmeas que ten nos lugares de Martín, en Muíños do Folón e do Picón, para a entregar un panal de cera.
Despois lévanos ao lugar de San Miguel de Tabagón, onde non ensina as colmeas afilladas por xente que máis que querer ter o seu propio mel, un clásico galego é o mel da casa, quere ter a experiencia completa e o coñecemento.
"Simplemente cando rompemos o panal do mel, por iso xa os sorprende, o ver de onde sae o mel. Xa iso realmente é algo que nunca máis van ver. Porque ao final é xente que ven dúas ou tres veces ao ano. Isto é un complemento do que é realmente o traballo diario das colmeas. É un pouco que a xente se aproxime ao noso sector e coñeza o traballo que hai detrás dun tarro de mel", engade Marcos Rodríguez Portela, o propietario das colmeas que alimentan o mel Niño do Corvo do Rosal.
Apadriñar unha colmea dá dereito a dúas visitas guiadas, a tres quilos de mel e contribúe á protección e á supervivencia do negocio das abellas, difícil de manter e de facer rendible para os pequenos empresarios porque ao ano morren un 30 % delas.