Publicador de contidos

Publicador de contidos

Retiran un enxame de 30.000 abellas dunha bandeira nun hotel do Carballiño

Retiran un enxame de 30.000 abellas dunha bandeira nun hotel do Carballiño

A Policía Local valou a zona ata que un apicultor retirou o enxame coa axuda dun guindastre

Houbo preocupación entre os viandantes, porque había persoas alérxicas á picada das abellas

Intre en que o apicultor retira o enxame
G24.gal 24/04/2025 14:15

Coa calor da primavera, as abellas libres andan buscando sitio onde establecer o enxame. E semella que calquera lles vale, porque un enxame de milleiros de exemplares prendeu na bandeira da fachada dun hotel do Carballiño. Os transeúntes que paseaban pola rúa diante do Hotel Arenteiro observaron con curiosidade e tamén certa preocupación un inusual balbordo no ceo. 

O motivo era un enorme enxame de abellas que pousara na bandeira de Galicia da fachada do establecemento. Avisaron a emerxencias. A Policía Local valou a zona para que ninguén se achegase e correra o risco de sufrir a picada dunha abella. Chamaron un apicultor da zona para que retirase o enxame.

Tivo que servirse dun guindastre con cesta para alcanzalo e, cuberto co traxe acaído, procedeu a retirar a bandeira e quitarlle as abellas. Segundo os seus cálculos, tería entre vinte e trinta mil exemplares, dunha variedade autóctona. "Foi unha casualidade que pousaran na bandeira galega. Puideron facelo en calquera lado. É certo que foxen das cores escuras", di Alfredo Carral, apicultor que retirou o enxame.

Coas ventás pechadas, no hotel non causaron ningunha molestia as abellas. Había máis preocupación na rúa. "Pánico, porque eran moitísimas, a bandeira estaba chea. Eu son alérxica e claro, estaba preocupada, pero cando vin que veu alguén a retiralas, xa quedei máis tranquila", sinalan algunhas persoas que na tarde de onte estaban no lugar.

O apicultor levou o enxame a unhas colmeas propias que ten nunha zona afastada de monte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade