Acepta catro anos de cadea por tentativa de homicidio tras acoitelar un coñecido
A outra acusada foi absolta desde delito cometido en Ribeira en 2020 e condenada só por ameazas
Dúas persoas foron xulgadas este xoves na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago por un intento de homicidio e tamén por un delito de ameazas. Fiscalía e avogados das dúas defensas chegaron a un acordo de conformidade en que os acusados aceptaron como feitos probados os ocorridos en 2020 en Ribeira e relatados no escrito de clasificación. Finalmente a muller foi absolta do delito de homicidio en grao de tentativa e foi só condenada polas ameazas a un ano de cadea xa que non quedou acreditada a súa participación directa no acoitelamento.
O día dese ataque o que resultou probado é que ambos se presentaron no domicilio da vítima, a que coñecían e a que días antes, e en varias ocasións, ameazaran con que matar a coiteladas. Cando o home baixou ao portal, o acusado principal sacou un coitelo de serra e asestoulle varias puñaladas no lombo.
O Ministerio Público solicitaba para ambos nove anos e medio de cárcere. Finalmente só el foi condenado polo delito máis grave. Hoxe deu conformidade a ese acordo mentres permanece ingresado nun centro de desintoxicación pola súa adicción ás drogas. A rebaixa foi notable por esa condición.
A sentenza condénao a 4 anos de cadea e unha indemnización de 8.000 euros. Nin sequera entrará no cárcere pola suspensión das penas privativas de liberdade que lle foi concedida se nos próximos cinco anos se mantén limpo nese centro. Ambos os dous non poderán achegarse tampouco á vítima nos próximos 5 e 3 anos respectivamente.