Stellantis comeza a reembolsar o custo das avarías dos motores Puretech
Desde marzo o fabricante abonou 170.000 euros en devolucións mediante acordos extraxudiciais en resposta ás demandas que se foron interpoñendo, con previsión de alcanzar os 2,5 millóns nas próximas semanas
As avarías máis frecuentes débense á deterioración prematura da correa de distribución, o que pode xerar danos graves no motor

Stellantis comezou a reembolsar o custo das avarías provocadas por fallos nos motores Puretech e aboou ata o momento uns 170.000 euros aos afectados, segundo a Asociación de Afectados Stellantis (Afestel). A través dun comunicado, esta asociación detallou que desde marzo o fabricante abonou 170.000 euros en devolucións mediante acordos extraxudiciais en resposta ás demandas que se foron interpoñendo, con previsión de alcanzar os 2,5 millóns nas próximas semanas.
Estas cantidades "representan só o inicio do que pode chegar a ser un elevadísimo montante en indemnizacións, tendo en conta os centos de miles de prexudicados", asegura Afestel. Segundo esta agrupación, que representa a máis de 8.500 persoas, o fallo dos motores afecta a máis de 750.000 vehículos en España e a máis de 4 millóns en Europa.
Os modelos implicados incorporan versións do motor Puretech 1.2 litros de tres cilindros, fabricado entre 2013 e 2022, presente en marcas como Peugeot, Citroën, Opel e DS. As avarías máis frecuentes débense á deterioración prematura da correa de distribución, o que pode xerar danos graves no motor. Estes acordos supoñen un alivio económico para moitos propietarios que afrontaron reparacións custosas por problemas de fábrica do vehículo, alleos á posible deterioración derivada do uso.
“As autoridades deberían esixir que se deixen de vender coches cos motores Puretech”, defende o presidente de Afestel, Yerba Luca de Tena, en referencia á falta de recoñecemento oficial por parte de Stellantis deste defecto de fabricación. A asociación mantén a súa estratexia xudicial con preto de 250 demandas presentadas ante os xulgados de Vigo, onde a multinacional conta cunha sede operativa. Os avogados da plataforma confían en alcanzar máis acordos a pesar de que, segundo denuncian, a empresa non está a acudir aos actos de conciliación nin respondendo ás comunicacións xudiciais.