Renfe modifica o primeiro rexional do día entre Vigo e A Coruña por obras na infraestrutura
A saída realizarase desde Vigo-Urzaiz e non parará en Redondela nin Redondela-Picota
As obras de Adif obrigarán a interromper o tráfico ferroviario de madrugada

Renfe modificará de maneira puntual, a partir do martes 21 de abril, a saída do primeiro tren rexional da mañá entre Vigo Guixar e A Coruña debido a obras de mellora que Adif levará a cabo na infraestrutura entre Redondela e a estación de Guixar.
Estes traballos obrigarán a interromper o tráfico ferroviario entre as 00:00 h e as 06:00 h, polo que os trens non poderán circular nesa franxa horaria.
Para garantir a continuidade do servizo e a mobilidade das persoas viaxeiras, Renfe establecerá unha alternativa: a partir do 21 de abril, este tren sairá desde a terminal viguesa de Urzáiz ás 05:08 h no canto de facelo desde Guixar.
Esta modificación temporal implica tamén que o tren non efectuará parada nin en Redondela nin en Redondela-Picota. Como alternativa, as persoas viaxeiras poderán acceder ao servizo ferroviario na estación de Redondela AV.