Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación polo aumento dos roubos na Costa da Morte

Preocupación polo aumento dos roubos na Costa da Morte

Os inimigos do alleo cebáronse cos coches: un levárono e noutro colleron equipos de pesca por valor duns 2.000 euros

En poucas horas, houbo asaltos en Malpica, Cabana, Laxe e Ponteceso

 

G24.gal 18/04/2025 14:29

Empezaron a noite en Malpica, ao pé do centro de saúde.

"Estando no cuartel xa chegou unha señora que lle roubaran o coche, chamaron da Coruña que puxeran outra denuncia porque roubaran outro coche aquí e que fora en máis sitios, que non fora o meu só. Levaba seis equipos de pesca porque fora pescar pola tarde", explica Daniel Santos, unha das vítimas. 

Uns equipos valorados nuns 2.000 euros. Pero non contentos, seguiron camiño ata Buño.

"Alí roubaron noutros dous ou tres coches e foi onde roubaron o Clío que despois apareceu en Laxe, abandonado en Laxe", engade Miguel Fernández, concelleiro de Malpica.

Apareceu nunha zona apartada do concello, en Nande, grazas á agudeza dun policía local, que coñece cada matrícula do concello.

"Vin aí un coche que non me resultou nada coñecido porque aquí coñecemos todos os coches. Abrín a porta do condutor, estba aberto, non tiña as chaves no contacto, non tiña feita a ponte nin nada e os limpias tíñaos a medio traballar... e o coche ao telo medio escondido, un día de traballo normal, podía quedar un pouco máis adiante, que hai máis sitio, e por iso vin mirar", relata Marcial Álvarez, Policía local de Laxe.
 

Deixárono como o colleron. O que non se entende é por que aqui pero curiosamente só unhas horas antes outros inimigos do alleo, ou quen sabe se os mesmos, tentaran entrar na igrexa que está a só uns metros. 

"Un amago de entrar porque forzaron a fechadura dunha porta, un ferro dunha fiestra, ... alí andiveron", sinala Álvarez.

Fixeron o máis difícil pero desistiron. Igual que tamén recuou o asaltante desta tenda de Ponteceso. Entrou cun pé de cabra e, ao parecer, con malas intencións pero, como entrou marchou, alertado polos berros da dependenta. Veciños e comerciantes quéixanse da falta de vixiancia nocturna. Ningún concello da zona ten policía local polas noites.  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade