Préndeno tras roubar unha roda de bici, estropallos ou deterxente nunha vivenda de Ferrol
O ladrón intentou trabar os axentes da Policía Local
Tras estar detidos nos calabozos da Policía Nacional, pasou xa a disposición xudicial

A Policía Local de Ferrol prendeu un home de 35 anos tras entrar a roubar nunha vivenda do centro da cidade. E cando o colleron na allada, o botín que levaba era canto menos curioso. Nun carriño da compra tiña: unha roda de bicicleta e un casco de ciclista, un altofalante portátil, un secador, unha caixa de té, outra de cápsulas de deterxente, dezaoito vasos de cristal e ata bolsas de lixo.
Aconteceu na madrugada do sábado, contra as catro e media da mañá. Daquela, un veciño dun edificio próximo escoitou ruídos e ao mirar pola ventá viu o presunto ladrón e chamou a policía. Cando chegaron os axentes ao lugar, tiveron que saltar unha reixa duns tres metros de altura e atopáronse co home coxeando. Acabou confesándolles por onde escalara el para poder entrar nunha vivenda da rúa do Sol.
Por mor das lesións que presentaba, tiveron que levalo ao cetro de saúde e no traslado, o home foi insultando os axentes e mesmo intentou trabalos. Tras recibir asistencia médica e permanecer detido nos calabozos da Policía Nacional de Ferrol, o home xa pasou a disposición xudicial.