Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asaltan de madrugada a área de servizo do Rei das Tartas, en Abadín

Asaltan de madrugada a área de servizo do Rei das Tartas, en Abadín

Sospéitase que antes os ladróns roubaran no centro de Mondoñedo un coche que empregaron para o asalto no establecemento hostaleiro

Nas imaxes das cámaras de seguridade vese como dous encapuchados rebentan a máquina comecartos

G24.gal 14/04/2025 09:46 Última actualización 14/04/2025 14:31

Dous encapuchados entraron de madrugada nunha área de servizo da A-8 en Abadín e saquearon o establecemento en tan só catro minutos. Ocorreu entre a noite do venres ao sábado. Foi o sistema de seguridade o que deu a alerta pero aínda así os ladróns lograron facerse co botín.

Foron gravados polas cámaras de vixilancia do establecemento. Vese que eran dous, que levaban a cara tapada e levaban unha pata de cabra que usaron para rebentar a máquina comecartos. Levaron toda a recadación e o cambio que deixaran na caixa rexistradora.

A policía xa revisa estas imaxes para tratar de identificalos, aínda que vai ser complicado. Ao parecer accederon ao negocio pola porta traseira. E actuaron rápido, cometeron o roubo en escasos minutos.

"Xogan co tempo, porque saben que en tres mínutos é imposible que chegue unha patrulla. Tiñan o coche pegado a porta, para botar a correr", engade o dono da área de servizo Rei das Tartas.

É o segundo roubo en pouco tempo que sofre esta área de servizo. O seu dono di que os cartos que levaron non foron moitos, pero ocasionaron moitos danos.

"O importante é que non haxa danos persoais, perfiro que o fagan de noite a que veñan polo día e que a emprendan con algún traballador,eu confío en que den con eles", asegura Carlos Folgueira.

Ademais deste, tamén se denunciou outro roubo na zona. Ao parecer os ladróns primeiro roubaron un coche no centro de Mondoñedo e logo usárono para roubar na área de servizo de Abadín.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade