Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vaga de roubos de madrugada na Coruña, con tres comercios asaltados

Vaga de roubos de madrugada na Coruña, con tres comercios asaltados

As vítimas foron unha tenda de móbiles en Federico Tapia, unha perfumería na rúa Betanzos e unha froitería en San Leopoldo

Rebentaron os escaparates nos tres establecementos e conseguiron entrar roubar en dous deles

Danos nun dos establecementos asaltados, na rúa Federico Tapia
G24.gal 10/04/2025 14:17

Foi nunha madrugada movida, e en pleno centro da cidade: rebentaron os escaparates de tres comercios, e conseguiron entrar roubar en dous deles. Unha veciña da rúa Federico Tapia avisou a Policía ao sentir golpes. Foi nunha tenda de reparación de móbiles e, cando chegaron, o cristal estaba desfeito e xa fuxiran co botín. 

Nelson Guerrero, o propietario, conta que estaba "todo revolto" e que non levaron cartos, pero si mercadoría que tiña na tenda e o seu portátil, que contiña "moita información". "Neste tipo de negocio -di- unha cousa pequena pode ter moito valor, entón calculo que uns 4.000 euros serían". 

E a iso súmalle os danos no escaparate. Nelson leva pouco tempo co negocio aberto, e di que está desanimado e preocupado pola inseguridade na zona. "Roubáronlle ao veciño do lado, a outra veciña rompéronlle o coche para levarlle o bolso, e hai un mes entraron nunha tenda de colchóns máis abaixo tamén". 

Corrobórano na cafetería do lado: entraron catro veces o ano pasado e unha este. Cren que a súa cámara gravou o presunto asaltante do veciño. "Escóitanse os golpes que deu no cristal, e vese pasar correndo con algo na man, un portátil", explica a hostaleira Alexandra Chitac.

A pouca distancia de alí, a mesma noite, tentaron entrar tamén nunha perfumería da rúa Betanzos. "O golpe foi tan forte -di o propietario, David Gigirey- que rompeu todo o cristal, cedeu a porta e a estrutura do escaparate veu abaixo". 

Quizais polo ruído que fixo, os presuntos asaltantes fuxiron e a cousa quedou nunha tentativa de roubo. "En catro anos nunca me pasara algo así, e espero que quede nunha anécdota", di David. E tira de retranca para sobrepoñerse ao suceso. "Agora xa podo dicir que xogo na liga dos grandes, coma outras perfumerías onde é por desgraza habitual", comenta. 

O terceiro establecemento asaltado é unha froitería na rúa San Leopoldo, onde tamén deixaron máis danos ca outra cousa. O propietario, Luís Araque, conta que cando chegou abrir pola mañá atopou o cristal da porta roto. Chamou á Policía antes de entrar "por se houbera alguén dentro" e, despois de inspeccionar o local, só botou en falta unhas moedas que tiña na caixa. "Calculo que serían 20 ou 30 euros, porque eran moedas pequenas", di. 

De momento non deron con quen vira ou sentira nada. A Policía ten aberta investigación sobre os feitos, que foron denunciados.

Na perfumería asaltada colocaron un cartel para agradecer -con sarcasmo- o interese polos seus produtos Na perfumería asaltada colocaron un cartel para agradecer -con sarcasmo- o interese polos seus produtos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade