Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan os tres asaltantes dunha casa no Grove, onde entraron ao berro de "dáme a droga"

Buscan os tres asaltantes dunha casa no Grove, onde entraron ao berro de "dáme a droga"

Os encapuchados berraron "Garda Civil", pero non levaban chalecos nin uniformes, ían de negro e armados

Un dos dous irmáns que viven na casa enfrontouse a eles e saíu mancado, con marcas de balas de simulación e golpes na cabeza

G24.gal 10/04/2025 14:15

Saltaron o valado de pedra dunha vivenda situada en Reboredo, no Grove, e entraron ao berro de "Dáme a droga", repetido varias veces. Tamén dixeron a voces: "Garda Civil", pero non levaban chalecos nin uniformes. Eran tres, ían encapuchados, vestidos de negro e armados.

Entre os habitantes da casa, dous irmáns, o máis vello e tamén o menos corpulento, segundo describen os veciños, enfrontouse con eles. Segundo el mesmo contou, mesmo conseguiu sacarlle a pistola aos seus agresores, pero volveron recuperala.

Foi quen saíu peor parado. Ten as marcas dos disparos, supostamente de balas de simulación, na barriga e nun brazo, e golpes da pelexa na cabeza. Lesións leves, que non lle impiden facer vida normal. De feito, hoxe os dous irmáns marcharon da casa como fan de costume. O pequeno traballa en hostalería.

Do maior, pouco saben en Reboredo. Como pouco saben, e menos queren saber, do asalto.

"Sóubeno onte á mañá cando chegou a policía a preguntarme. Eu estaba ignorante. Non sabiamos nada. Preguntáronme se sabía algo do atraco que houbera aí abaixo e eu díxenlle que non. E dixéronme se coñecía aos rapaces. E, claro, tal e como me dixo, claro que os coñezo, e levámonos moi ben con eles. Son bos rapaces", asegura unha veciña.

"Seica lle entraron tres encapuchados de garda civís e nada máis. Pero se me preguntan como veciños, estupendos", engade outro.

Ocorreu a noite do martes ao mércores, coa xente xa metida nas casas. De momento, non hai ninguén identificado nin localizaron o Audi no que fuxiron os agresores. 

Investigan se se trata dun asunto de drogas, o que se coñece como vuelco, pero manteñen todas as hipóteses abertas. En Reboredo, un núcleo de casas tranquilo, con veciños de toda a vida, non saben a que se dedica o irmán maior, pero recoñecen que nunca houbo rumores nin movementos estraños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade