O home que matou unha anciá na Coruña para roubarlle acepta 18 anos e medio de prisión
O acordo evitou a celebración do xuízo con xurado popular e a sentenza é firme

O autor do asasinato e roubo de Consuelo Palacios, de 87 anos, en maio de 2003 na Coruña, no barrio de Monte Alto, admitiu o crime e aceptou 18 anos e medio de prisión.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu a conformidade entre a Fiscalía e a defensa do home acusado de mallar na muller ata a morte na rúa do Parque do barrio coruñés de Monte Alto. Co acordo evitouse a celebración do xuízo con xurado popular e a sentenza pasa a ser firme sen posibilidade de recurso.
O acusado, de nacionalidade italiana, recoñeceu que o 5 de maio de 2023 entrou na vivenda da vítima, á que xa coñecía.
Unha vez no interior do piso, "ben pola negativa" da muller "a entregarlle cousas de valor" ou por ser "sorprendido apropiándose de efectos" seus, abalanzouse "sobre ela e coa finalidade de acabar coa súa vida, colocoulle unha brida no pescozo, a cal apertou", segundo o relato da Fiscalía recoñecido por el.
A continuación fuxiu da vivenda, pero levou "diñeiro en efectivo, xoias, documentación, un teléfono móbil e un teléfono fixo". A muller, de 87 anos e con problemas de mobilidade, faleceu por estrangulación.
A Fiscalía pedía inicialmente para o home 22 anos de cárcere por un delito de asasinato e outros 5 por un delito de roubo con violencia.
Finalmente rebaixou as súas peticións ata os 15 anos polo asasinato e 3 anos, 6 meses e un día polo roubo con violencia e intimidación en casa habitada.
O acordo tamén inclúe catro anos de liberdade vixiada unha vez saia de prisión.