Xogos de todo tipo, animación e actividades lúdicas, na Comic-Con de Moaña
A convención, que celebra o 30 aniversario de Pokemon, ofrece obradoiros, circuítos, concursos e, sobre todo, xogos
A Comic-Con de Moaña é desde antes da pandemia un espazo único onde os protagonistas son os xogos. Hainos de mesa creados por galegos, hainos de rol, hai videoxogos e mesmo actividades lúdico-deportivas.
Durante este venres, puidemos ver afeccionados ao manga, ao anime pero, sobre todo, xogadores que queren divertirse nesta Semana Santa.
Cando Alejandro e Xoel naceron, Pokemon xa tiña dez anos. Como para as boomers o xogo da goma ou como para os milenials o Xabarín, para eles os xogos de rol da franquicia Pokemon son algo natural e nada friqui. Por iso, sen afán comercial, sería ilegal, crearon Pokemon Galicia.
"Son parte importante da nosa infancia. Ao final son os xogos cos que nos criamos. Xurdiu a idea influenciados por xogos similares e dixemos imos facer o xogo pero baseados na nosa terra", conta a TVG Alejandro Castro, un dos creadores de Pokemon Galicia.
"No meu caso o que máis vin de pequeno era a serie de Pokemon na televisión. Empezamos a pensar que lugares rexionais poden interesarnos, formas rexionais dalgúns Pokemons, foi un pouco caótico todo", engade Xoel Rodríguez, o outro creador de Pokemon Galicia.
Hoxe a Comic-Con celebra os 30 anos de Pokemon. Pero hai máis ca xogos de rol. Hai a versión do Monopoli co ámbito xeográfico do Morrazo. Chámase "Tes terras?"
"Os xogos de mesa na adolescencia de todos sofren un baixón. Pero é certo que a partir da etapa universitaria xa nos achegamos a eles desde outra perspectiva. Digamos que é unha forma renovada de gozar do ocio", matiza Pedro Meira, o creador do xogo de mesa "Tes Terras?"
Perfect é a aposta máis escatolóxica desta nova era dos xogos de mesa.
"A xente nova agora está moi acostumada ás pantallas, aos videoxogos. E o que buscamos con isto é que a xente máis nova se mentalice e se conciencie de que hai outra maneira de desfrutar coa familia interactuando coas persoas e non estar pegados a unha pantalla", comenta Rubén Cembellin, o creador de "Perfect, un juego de mierda".
"E ao final nesta Comic-Con hai moitísimas actividades que nos gustan a todos. Desde que poidamos sentarnos cun xogo de mesa, ata que poidamos ir xogar á consola, ou poidamos escoitar o creador dun xogo da comarca, ver como comezou e como se está expandindo", relata Kevin González, o concelleiro de Mocidade, Infancia e Voluntariado do Concello de Moaña.
E tamén actividades dentro e fóra. Todo iso é esta edición da Comic-Con de Moaña, un clásico xa na Semana Santa do Morrazo.