Familias de Pontedeume pactan atrasar a entrega do primeiro móbil ata os 14 anos
Participan no programa Infancia sen pantallas, deseñado por psicólogas da Coruña
O acceso temperán e sen control aos teléfonos intelixentes é unha cuestión de saúde pública que cada vez preocupa a máis nais e pais. En Pontedeume, vinte e cinco familias comprometéronse a non darlles aos seus fillos un teléfono con conexión a Internet ata polo menos os catorce anos.
Resístense a normalizar que o neno xa teña un smartphone cando comeza a secundaria. Queren, tal e como explica a psicóloga do centro MFL Ainhoa Otero, "que os nenos sen móbil non sexan os raros da clase, senón que sexan a maioría".
Os pais e as nais de Pontedeume participaron nos talleres deseñados por un centro de psicoloxía da Coruña que traballa en consulta coas problemáticas derivadas do abuso ou do mal uso dos dispositivos intelixentes a idades temperás.
"Ansiedade social, dificultades de relacionarse sen unha pantalla, baixa tolerancia á frustración, baixa capacidade de atención sostida no tempo...", son algunhas das consecuencias que enumera Ainhoa Otero, unha das impulsoras do programa Infancia sen pantallas.
O obxectivo das sesións, dirixidas tanto aos adultos coma aos nenos, é informar e concienciar para previr. O informe elaborado por un comité de expertos para o Goberno recomenda cero pantallas ata os seis anos e teléfonos analóxicos ata os dezaseis.